José Braña, alcalde de Negueira de Muñiz: “Hai que ir casa a casa, necesidade a necesidade”

Jessica Fernández
Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se converteu en alcalde.
Eu sempre tiven inquedanzas, sempre me gustou a política e sempre fun de esquerdas, así que decidín formar parte da política local do meu concello e comecei como concelleiro no 1999. Nas seguintes eleccións puxéronme de segundo. Foron unhas eleccións con listas abertas, con cinco candidatos e elección directa. Coa mala sorte de que o alcalde faleceu, polo que me dixeron: “Tócache a ti”. Así levo 22 anos sendo alcalde.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Estar continuamente alerta e pendente por se pasa algo, porque aínda que é un concello pequeno, cousas sempre pasan. Se hai algún problema, hai que falar co alcalde.
E beneficios?
Eu sempre digo que o máis gratificante é traballar polo pobo. Ao final fas moitas cousas, tamén te equivocas noutros aspectos, pero traballas polo teu pobo. Que non farías polo teu pobo? A política local é moi fermosa, porque estás pendente das cousas do día a día: as farolas, o camiño… resolves problemas básicos da veciñanza. A nosa lexislación é moi escasa, pero creo que somos moito máis resolutivos e, de feito, por iso somos os políticos mellor valorados, os locais. Un mal alcalde é moi difícil que volva ser elixido; se nos elixen é porque o facemos ben, e canto máis tempo levas, máis experiencia acumulas.
Como equilibra a vida pública e a privada?
A custa da vida familiar. Hai que compaxinalo. A xente que critica aos políticos por irse de vacacións… Eu creo que hai que baixar un pouco a crispación na política e deixar de espallar purín, porque ao final facemos que cheiremos todos mal. A quen vota hai que tratalo como xente adulta. Os políticos temos o dereito e o deber de recapacitar moitas veces sobre as cousas que se fan. Hai quen pensa que é moi doado, pero non o é. Se ti cres que es moi capaz, podes optar. Se cres que tes a verdade absoluta, por que non? Por que non te animas? Así que o día a día na política local é atender as necesidades do conxunto da cidadanía, porque es o alcalde tanto dos que che votan coma dos que non.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
En política non se pensa a longo prazo. Eu non descarto presentarme ás próximas eleccións, porque os alcaldes adoitan repetir. Pero os nosos obxectivos políticos son lexislatura a lexislatura, non miramos máis alá. O compromiso sempre é por catro anos.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
As actuacións que teño na cabeza son para esta lexislatura. Hai varias cousas ás que lles teño ganas, pero é complexo. Non quero dicir “vou facer isto”, porque non son un alcalde dese tipo. Hai moitos obxectivos que se cumpren, pero non me gusta prometer nin comprometerme porque hai moitas cousas que non dependen só de min, polo que non dou prazos. Creo que o que fan algúns políticos é unha falta de respecto ao cidadán e eu téñolles respecto. Ademais, penso que a sociedade é un pouco ansiosa e ás veces quere autoenganarse, por iso algúns políticos dan prazos que despois non se cumpren. E iso non é bo: non deberiamos quentarlles a orella á xente para que estea contenta e logo defraudala.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Tampouco son moito de programas. Cando comezamos a campaña das últimas eleccións e fun pedir o voto, merquei unha libreta e fun pobo por pobo, casa por casa, para falar cos veciños sobre como valoran as obras que fixemos. Todos me coñecen e todos me propoñen cousas; ás veces discutimos porque cren que quedaron cousas por facer ou que algunha obra non está ben feita. Pero, ao final, vas casa a casa, necesidade a necesidade. Así vou anotando o que me din para atender esas necesidades e promover esas actuacións, e logo, durante a lexislatura, vou riscando o feito. Trátase de manter o pobo o mellor posible.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A necesidade máis importante está relacionada coa sanidade, xa que non temos médicos asignados. Precisamos un médico que estea diariamente no centro de saúde, porque agora só vén un unha vez á semana desde A Fonsagrada. A xente o que fai é ir ao PAC como un peregrino. O problema é que se tes un problema de saúde e precisas seguimento, non o podes facer cun médico en Negueira de Muñiz, porque o médico de cabeceira non está. Outro problema é a mobilidade, xa que non temos conexión por autobús nin con Lugo nin coa Fonsagrada. Tamén nos gustaría poñer en valor o encoro e toda a natureza da contorna. Creo que o proxecto da Senda do Navia é moi interesante e podería darnos valor, igual que o tema do viño está poñendo Negueira no mapa, porque é un enclave natural espectacular.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Un Concello ten que atender ás súas competencias. En Negueira case non se pagan impostos: non se paga o lixo, a auga nin o alumeado. Ademais, mantemos parques e xardíns, unha área recreativa, accesos, estradas e o servizo de abastecemento de auga. Iso é o máis importante para que os veciños poidan vivir. Do básico encargámonos nós.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Creo que me ven como unha persoa próxima, confiable e honesta. Pode que ás veces sexa un pouco brusco, pero vou de cara. Agora na política hai que ter moito coidado, porque se sacan as cousas de contexto, pero eu vou de fronte.
Como é a súa relación coa oposición?
Moi boa, desde sempre, somos veciños. A ver, quen debería contestar é o líder da oposición, e claro que temos as nosas discrepancias, pero mesmo apoiamos propostas presentadas por Negueira Viva, como a relación coa República do Congo. Todo o que sexa bo para Negueira de Muñiz, apoiarémolo. Ademais, penso que na política hai que temperar un pouco máis. O non polo non é moi mala política. E a oposición ten que facer o seu traballo, que é controlar a acción de goberno, e o goberno ten que gobernar.
MÁIS DE PRETO
- Idade, estado civil e familiar.
55 anos, casado e con dous fillos.
- Profesión e formación.
Auxiliar administrativo e Graduado Social.
- E se non o fora, que lle gustaría ser?
Político, aínda que tamén pensei en que se volvera atrás estudaría Criminoloxía.
- Que quería ser de maior?
Avogado, porque me gustaba a parte procesal.
- Que fai para desconectar?
Paso tempo coa miña familia.
- Unha virtude e un defecto.
Son bravo, pero se me pasa cedo.
- Un consello para compartir.
Carpe Diem.
- Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante.
‘No queda nadie’, The Walking Dead e Melendi.
- Unha afección
Ver series e a tecnoloxía
- Un lugar que visitar.
Negueira de Muñiz.
- Unha comida e unha bebida.
Un bo pescado na Mariña e un bo cocido no inverno; unha caña no verán e un bo vino no inverno.
- Unha personaxe admirada.
Xosé Alberto Mujica Cordano, expresidente do Uruguai.
- Unha posesión preciada.
A miña familia, non son materialista.
- Un desexo.
A paz no mundo.
- Algo para esquecer.
O conflito de Gaza.
- Que é o que máis valora nunha persoa?
A honestidade.
- Un desafío pendente.
Aprobar a oposición ao Sergas.
- Onde se ve en cinco anos?
Véxome sendo funcionario, vendo medrar aos meus fillos e continuando a mirar polo meu pobo, desde o ámbito que sexa.