José Fernández, alcalde de Navia de Suarna: “É unha responsabilidade e un compromiso total”

José Fernández é alcalde de Navia de Suarna desde o ano 2007 co obxectivo de recuperar os servizos municipais, algo que se mantén ata o día de hoxe, sendo a prioridade as persoas maiores
Alcalde-de-Navia-José-Fernández
15 Mar 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Eu sempre tiven vocación de servizo público e o meu referente foi Felipe González, por iso me vinculei ao Partido Socialista.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Eu levaba moitos anos na lista do PSOE apoiando a outro compañeiro que ía en cabeza, no ano 1999 decidiu retirarse porque foi tres veces ás eleccións e non tivo sorte. Daquela, os compañeiros animáronme a poñerme eu á cabeza e durante tres lexislaturas estiven á fronte, ata que no ano 2007 conseguimos maioría absoluta e empezamos esta traxectoria da política municipal e aquí estamos. Antes levabamos 20 anos con gobernos de dereitas, había moito descontento pola xestión que había no Goberno local, nos servizos, etc. entón, nós empezamos no 2007 co bipartito da Xunta e coa Deputación a recuperar moitos servizos que non había ou que estaban deteriorados; o municipio estaba necesitado dunha política activa e de apoio aos veciños e veciñas.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

É un compromiso persoal e colectivo, porque tanto eu como os compañeiros como o partido levabamos tempo vendo que non se estaba indo no mellor camiño e intentamos melloralas; é unha responsabilidade e un compromiso total. Eu tiven que deixar o meu traballo para poder dedicarme plenamente á política municipal.

E beneficios?

Satisfaccións máis que beneficios, porque eu tiña o mesmo salario que na empresa. No municipio coñecémonos todos, hai compromisos maiores que se non estás vinculado a un tema público. Satisfaccións son as de axudar aos veciños, pero non compensa economicamente.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Aquí a vida privada é complicada porque todos nos coñecemos, somos veciños, amigos e familiares. Isto ten un compromiso engadido e, cando as necesidades son acentuadas, hai máis compromiso.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O meu obxectivo a nivel persoal está cumprido, presenteime para apoiar e axudar aos veciños e veciñas e, nunha medida persoal, está feito. Hai que seguir e queda moito por facer, pero a nivel persoal estou xubilado, entón sigo como un compromiso cos veciños. O meu obxectivo político está cumprido, estiven na Deputación e no concello aspirei a poder axudar aos veciños e mellorarlles a vida e facerlla máis cómoda e con mellores servizos e creo que o teño cumprido.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Seguir mellorando o municipio en partes como as vías de comunicación, os servizos e o Castelo, porque queremos recuperalo e que sexa público, que poida servir para achegar tamén o turismo á vila, xente que vén de fóra e que vexa o Castelo como un símbolo, como a ponte, a aceña, a contorna do río, e así cumprir ese obxectivo.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

A Xunta nunca apostou polo rural da Montaña de Lugo; sempre a propaganda e nunca a realidade. Fai falta un servizo de atención primaria no centro de saúde, é imprescinsible; hai moita necesidade e moita demanda. A maior parte da xente é maior e que non se cubra é unha falta da administración competente. Temos a sorte de que, grazas á Deputación de Lugo, contamos cunha residencia de maiores, pero falta ese complemente e obriga da Xunta de Galicia e que hai moita demanda para poder coidar dos maiores, temos nós, como Concello, asumir esa falta. A Xunta nunca se implicou no rural como se necesita, hai un despoboamento moi importante motivado pola falta de servizos, malos os que hai, pouco atendidos... e iso fai que haxa un gran despoboamento que esixe que haxa máis desprazamentos e iso a Xunta nunca fixo nada especial e concreto para un rural abandonado pola Administración Autonómica, que ten as competencias. Así, a atención á sanidade é a nosa necesidade fundamental. Necesítase un servizo personalizado e atendido ás persoas maiores. Temos pouca poboación e sempre hai que acentuar os servizos, aínda que teñan un custo maior no rural, pero hai que atender ás persoas que viven aquí.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Para nós o proxecto estrela foi a residencia, porque permitiu atender as persoas que estaban soas e desamparadas. Non porque as familias non se ocupasen deles, senón porque houbo moita migración e hai moitas familias divididas, con fillos en Barcelona, Madrid... así, a residencia cubriu moitos casos, aínda que non todos. Temos 30 prazas e igual necesitabamos 50, xa que temos lista de espera de 15 persoas porque necesitan unha atención física ou psicolóxica, unha compañía, que se presta na residencia, da que nos sentimos moi orgullosos.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Quero que me vexan como eles, un veciño máis; que vexan transparencia, que os tratamos a todos por igual, unha atención para todos e non diferenciar. A política é política, pero a nivel persoal non debe existir, debe existir o servizo e o aprecio, e iso gustaríame que a xente o entenda que eu o que quero é defendelos, axudalos e aprecialos a todos igual.

Como é a súa relación coa oposición?

A relación é boa, como con calquera veciño. A nivel político cada un ten as súas ideas, pero a nivel social temos boa relación.

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

Teño 68 anos, estou casado, teño dúas fillas e dúas netas.

-Profesión e formación

Técnico en Servizos A Domicilio

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

A min gustábame a gandería

-Que quería ser de maior?

Gandeiro

-Que fai para desconectar?

Gústame saír a pescar, cazar e estar coa familia

-Unha virtude e un defecto

O trato coa xente co maior respecto a educación posible; teño un pronto, ás veces, non axeitado

-Un consello para compartir

Hai que falar coa xente e compartir as opinións, unha comida ou un tempo para atoparse coas persoas que te rodean

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

Non son moi lector; hai que tirar para a casa, así que Sirât, de Oliver Laxe; e calquera canción de Juan Pardo

-Unha afección

A pesca e a caza

-Un lugar que visitar

Barcelona

-Unha comida e unha bebida

O polbo nas feiras e o viño

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Admiro a persoas comprometidas a nivel nacional que defenden os dereitos e os deberes

-Unha posesión prezada

O coche e a casa, como a da aldea onde me criei

-Un desexo

Ter saúde e desfrutar da familia

-Algo para esquecer

As guerras

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A formalidade, a seriedade e a honestidade; que sexa legal e transparente

-Un desafío pendente.

Conseguir que haxa unha sociedade máis comprometida e sincera, que aprecie o de todos como se fose propio

-Onde se ve en cinco anos?

Desfrutando da familia

0.12074279785156