José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita: “A veciñanza ve en min a un bo alcalde e unha boa persoa”

Jessica Fernández
Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Eu traballaba nunha empresa, pero sempre tiven vocación pública. Ademais, eu son dunha familia de esquerdas e nesa época estaba Felipe González, ao que admiraba, polo que me vinculei ao Partido Socialista. Primeiro, comecei de concelleiro e, tres anos despois, no ano 1986, cheguei a Alcaldía. Para min, traballar no Concello non é política, é o traballo do día a día.
Que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Eu decidín ter unha dedicación plena e absoluta ao Concello. Durante estes 40 anos levántome todos os días ás 7.00 horas da mañá para entrar nas naves, distribuír o persoal, mirar que as máquinas non teñan problemas... Por iso, podo dicir que o esforzo foi 365 días do ano, só collín unhas vacacións hai 10 anos porque me deu un infarto. Non din desconectado deste sistema, sempre xorde algo e sempre estás pendente.
E beneficios?
A min é algo que me encanta. Relacionarme coas persoas encántame. Os domingos, ás veces, vou ao parque de maquinaria a ver se podo arranxar algo, e o día que non estea neste mundo, non saberei onde meterme.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Nun concello como o de Pedrafita, non hai moita distinción entre a vida privada e a pública. Realmente, moita vida privada non tiven, agora máis, intento desfrutar dos netos.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Nunca tiven ambición política. Propuxéronme ser deputado pero dixen que non, non podo compatibilizar ser alcalde con ser deputado e abandonar aos veciños, a pesar de que sei que no ámbito económico a cousa cambiaría moito. Sempre quixen responder a quen me apoia e o obxectivo era ter a corporación ao 100 %, e conseguino. Estou satisfeito co traballo feito, a pesar dos erros; o traballo fíxose ben e a cidadanía valórao.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Hai etapas na vida, e tarde ou cedo hai que pasar por elas. Eu teño unha idade e teño que pensar na etapa da xubilación. Tras 40 anos na Alcaldía, non sei se me presentarei de novo; pero cando tome unha decisión, direillo primeiro ao meu equipo da corporación. Eu non quero abandonar o lugar sen deixar as cousas organizadas, porque non sería xusto. Porén, de deixalo, eu quero seguir vinculado ao concello e, se fai falta, botar unha man á persoa que estea.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Eu traballei toda a vida vinculado á maquinaria de obras públicas, entón o parque de maquinaria é algo do que me sinto moi orgulloso, xa que chegamos ao que os veciños esixen a través da administración: lixo, alumeado, mellora das estradas, desbroces… Pero da obra que máis satisfeito me atopo é a residencia da terceira idade, que conta con 30 usuarios e que é como un hoteliño no rural. Tamén estou orgulloso do Plan de Urbanismo que fixemos, que ten que ver coa residencia de maiores, que foi un dos primeiros da provincia de Lugo.
De renovar na Alcaldía, cales son os principais proxectos?
Antes de rematar esta lexislatura, espero deixar feito un proxecto de vivenda social porque temos un problema de vivenda. Hai xente en lista de espera para entrar na residencia de maiores que, se houbera vivendas con ascensor en Pedrafita, non terían nin por que ir á residencia. Por iso, serán 12 vivendas con ascensor e accesibles para que as persoas poidan seguir tendo a súa independencia ata que non poidan valerse e entón si que teñan que ir á residencia. Quero deixar este tema resolto antes da próxima lexislatura para que, se eu xa non estou, poida seguir con isto alguén pero coa base feita. Outro proxecto é a fixación de poboación, xa que estamos perdendo poboación, a pesar das melloras sanitarias no núcleo urbano e das melloras no ámbito educativo, que estamos traballando co colexio. Con respecto aos traballos de mantemento non se rematan nunca, sempre hai cousas que facer. Teño moitas cousas en mente, pero unha persoa cando chega a unha idade hai ciclos que obrigan a deixar pasar a outros.
Cales son as necesidades do concello?
A conexión non é un problema, somos uns privilexiados porque temos a autovía, estamos ben conectados con Lugo e outros municipios. As vías que temos están ben, os pobos están ben comunicados e facemos un mantemento para que sigan ben. O tema de rede eléctrica tamén o temos ben e a fibra eléctrica seguimos instalando. O tema de turismo seguimos promovendo que a xente se estableza aquí con novos negocios.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Creo que me ven como son, como sempre. Ven proximidade, ven unha boa persoa. Eu creo que a xente ten unha boa opinión de min, non só de Pedrafita, tamén da provincia de León. Eu sempre botei unha man a todos os que o necesitaron. Os meus veciños sempre ben o positivo e estou orgulloso de que me vexan como un bo alcalde e unha boa persoa; iso é o que me levo de todo este tempo de traballo.
Como é a súa relación coa oposición?
Eu sempre intentei dialogar e levar as cousas ao mellor extremo e aportar sempre. Houbo situacións tensas, pero intentamos levalo. Agora non hai oposición, pero seguen facéndose as cousas como se houbera oposición, porque a maior oposición a teño na casa, que sempre me din o que hai que falta por facer e me critican o que non fago ou fago mal, e iso é positivo. Sempre intentamos prestar os mellores servizos.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
68 anos, casado e 2 fillos
-Profesión e formación
FP mecánico de maquinaria de obras pública
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Estou encantado coa profesión que teño e encantado con ser alcalde porque para min é o máis bonito e teño ilusión por estar outros 40 anos pero a vida é como é
-Que quería ser de maior?
Sempre quixen ser mecánico pero tamén pensei en ser camioneiro, senón enxeñaría mecánica tamén quería facelo pero atopei traballo rápido e dediqueime a isto
-Que fai para desconectar?
Paseo e cando estou estresado collo o todoterreo e vou ata o Courel nunha zona virxe con camiños de terra
-Unha virtude e un defecto
Non dou desconectado, durmo pouco, son comprometido e moi traballador e pendente das cousas
-Un consello para compartir
Non dou moitos consellos, gústame escoitalos
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Por falta de tempo, leo de noite, pero tampouco moito, tampouco vexo moitas películas; escoito música clásica
-Unha afección
O mundo do motor, encántame reparar motores
-Un lugar que visitar
Florencia
-Unha comida e unha bebida
Encántanme os arroces e empanada ou polo caseira, e unha bebida un viño tinto, nada de copas
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Admiro o traballo de moitas persoas, Francisco Sineiro, González Laxe, José Borrel, Solana…
-Unha posesión preciada
Os coches
-Un desexo
Gustaríame aprender a tocar o saxofón
-Algo para esquecer
As guerras
-Que é o que máis valora nunha persoa?
Que teña principios e valores
-Un desafío pendente
Conseguir descansar e irme desconectando de cousas
-Onde se ve en cinco anos?
Véxome de viaxe ou de paseo polo pobo, e se me teño que ver na alcaldía, que espero que non, pero se estou, coa mesma ilusión ca hoxe