José Manuel Rozas, novo presidente da AECC en Lugo, recibe o apoio do Concello

LugoXa
Paula Alvarellos desexou "moito éxito" a José Manuel Rozas nesta nova etapa, asegurando que o Concello continuará colaborando activamente coa asociación
novo-presidente-da-Asociación-Española-contra-o-Cancro-en-Lugo
3 Feb 2025

O novo presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Lugo, José Manuel Rozas, foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa Paula Alvarellos, quen estivo acompañada da súa antecesora, Mariluz Abella.

Durante a súa reunión, a rexedora de Lugo destacou o labor realizado por Abella ao longo dos últimos nove anos, tempo no que a asociación logrou reforzar os seus servizos, ampliar a súa base de socios e levar a cabo diversas iniciativas de concienciación e recadación de fondos.

Alvarellos agradeceu profundamente o compromiso de Abella, subliñando que "a súa dedicación foi clave para que a AECC teña hoxe máis presenza e chegue a máis persoas en toda a provincia", destacando especialmente a mellora na atención ás persoas enfermas e ás súas familias.

A alcaldesa aproveitou a ocasión, coincidindo coa proximidade do Día Mundial contra o Cancro, para poñer en valor a importancia da prevención e da investigación para mellorar as taxas de supervivencia. "A loita contra o cancro require o compromiso de toda a sociedade, desde as institucións ata a cidadanía, para garantir avances en detección temperá, tratamento e apoio ás persoas afectadas", sinalou Alvarellos. Ademais, defendeu a necesidade dunha sanidade pública forte e ben dotada de recursos, que garanta o acceso equitativo aos coidados.

Por último, a alcaldesa desexou "moito éxito" a José Manuel Rozas nesta nova etapa como presidente da AECC en Lugo, asegurando que o Concello continuará colaborando activamente coa asociación para fortalecer as súas accións en favor da saúde e do benestar da veciñanza.

0.19807600975037