José Miñones subliña en Negueira o compromiso para dinamizar o rural galego
O delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, subliñou onte o compromiso do Executivo para dinamizar o rural galego con iniciativas pioneiras que nacen co obxectivo de abordar o reto demográfico. Expresouse así durante a súa primeira visita oficial dende que tomou posesión do cargo, realizada ao concello con menos poboación da Comunidade como mostra da súa implicación coa Galicia baleira.
Como xa adiantara no seu discurso de toma de posesión, un dos seus obxectivos é prestar especial atención aos concellos máis pequenos e con menos recursos, co fin de facerlles chegar o amplo abano de proxectos, plans e axudas que o Goberno de Pedro Sánchez ten á súa disposición.
“En Galicia hai 313 concellos e 200 deles teñen menos de 5.000 habitantes; o obxectivo e chegar a eles e levarlles as políticas dun Goberno que os ten en conta, co fin de que vivir nestes municipios sexa un privilexio e non una condena”, dixo o delegado do Goberno.
José Miñones, acompañado pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, estivo en Negueira de Muñiz, onde foi recibido polo alcalde, José Manuel Braña. Alí analizaron a situación do Concello, que ten apenas 215 habitantes pero conta este ano cunha inversión do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecológica e o Reto Demográfico.
A iniciativa, coordinada pola Deputación de Lugo, busca mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público cunha aportación de 10.599 euros e a cofinanciación do organismo provincial.
O delegado do Goberno compartiu co rexedor o proxecto piloto de Correos na provincia, para o que estiveron acompañados polo director territorial da entidade en Galicia, Asturias e Castela e León, José Ángel del Río. Explicaron que, grazas a esta iniciativa, as 212 carteiras e carteiros rurais na provincia ofrecerán servizos a domicilio.
Este proxecto inclúe o pago de recibos, a compra de distintivos ambientais da Dirección Xeral de Tráfico, a venta de selos, sobres e embalaxes de paquetes e outras xestións que buscan facilitar a vida das persoas que residen no entorno rural. Con eles estivo o carteiro Hernán Díaz, que relatou a dinámica de traballo en primeira persoa.
Tras a visita a Negueira de Muñiz, José Miñones estivo na Fonsagrada, onde se uniron ao encontro de traballo os alcaldes deste concello, Carlos López, e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández. Os tres como integrantes das Terras de Burón, un área que forma parte da Rede Española das Reservas da Biosfera e a Rede Natura 2000.
Compartiu cos tres o feito de que o Goberno ten en conta aos concellos da Galicia baleira e deseña políticas para eles. A mostra é a creación dun ministerio para o Reto Demográfico que acadou o rango da vicepresidencia cuarta do Executivo, cunha Secretaría Xeral específica.
Abordaron tamén as actuacións na zona da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, que fixo traballos para acondicionar, conservar e mellorar tres tramos do río Rodil cunha inversión de 26.000 euros.
José Miñones destacou que a Delegación do Goberno puxo en marcha este luns a nova Área de Coordinación Municipal. Trátase dunha iniciativa do propio delegado para manter un contacto estreito cos concellos e asegurar que as políticas do Goberno chegan a cada recuncho de Galicia.