José Tomé defende que co PSdeG a alta velocidade chegará a Lugo

LugoXa
O secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo asegurou este xoves que a Rueda “debería darlle vergonza falar do tren en Lugo” porque, “se alguén non fixo absolutamente nada e mesmo retrasou os proxectos, eses foron Mariano Rajoy, Ana Pastor, Alberto Núñez Feijóo e o propio Alfonso Rueda”.
9 Feb 2024

O secretario Xeral do PSdeG na provincia e Presidente da Deputación de Lugo asegurou este xoves que a Rueda “debería darlle vergonza falar do tren en Lugo” porque, “se alguén non fixo absolutamente nada e mesmo retrasou os proxectos, eses foron Mariano Rajoy, Ana Pastor, Alberto Núñez Feijóo e o propio Alfonso Rueda”.

Asegura que os lucenses teñen memoria e lembrou que o Goberno central do PP, presidido por Mariano Rajoy e con Ana Pastor como Ministra de Fomento, “paralizou todos os investimentos do AVE e rompeu o contrato da estación intermodal de Lugo, polo que houbo que indemnizar á empresa”. Así o certificou o Tribunal de Contas do Estado, “nomeado baixo a presidencia de Rajoy, polo tanto, nada sospeitoso de ser crítico co PP”.

Ademais, recalcou, Feijóo “tivo a desfachatez de prometer hai 15 anos, na campaña electoral das autonómicas de 2009, non só unha conexión de Lugo por alta velocidade, senón facelo cos fondos da Xunta. Coma sempre, incumpriu”. Asegura que Feijóo e Rueda non fixeron nada polo tren, “pero tampouco fixeron nada nos ámbitos de competencia da Xunta. Destruíron a sanidade pública, que nunca estivo peor, a base de recortes e precarización para favorecer á privada, nin unha soa residencia de maiores, peor dependencia, menos emprego, menos industria e máis débeda pública”. Para el ese é o único legado do PP na  provincia e en Galicia. “Por iso Rueda se sigue escondendo e non quere ir aos debates, porque non ten ningún balance positivo do pasado, nin ningún proxecto para o futuro”.

Fronte a esa “ausencia e incompetencia” de Rueda, os socialistas contan cun candidato á Xunta “con experiencia de xestión, cun proxecto de futuro ambicioso, cun gran equipo, e aliñado nos obxectivos co Goberno de España”, polo que tamén é “a mellor garantía” de que a conexión da Alta Velocidade se complete. Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG na provincia incidiu en que “fixemos máis os socialistas con Pedro Sánchez polo tren da nosa provincia ca nunca antes, cun investimento histórico en marcha de 546M para a mellora e electrificación da vía Lugo-Monforte-Ourense e de máis de 22 millóns de euros para a intermodal lucense”. O secretario xeral do PSdeG na provincia quixo subliñar que co PSOE “o AVE chegou a Galicia e alta velocidade chegará a Lugo. Co PP nunca chegou”. E asegura que Rueda pide un tren decente “Decencia é a que lle falta ao PP cando vén a Lugo falar do tren”, recalcou José Tomé.

0.13083791732788