José Tomé e Iván Castro oficializan as súas candidaturas para liderar o PSOE de Lugo

José Tomé e Iván Castro entregaron os avais necesarios para consolidar as súas respectivas candidaturas á Secretaría Xeral do PSOE na provincia de Lugo, que teñen un máximo de 373, o 20%.
Tomé, que tamén é presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, presentou o máximo e engadiu que ten un total de 760 apoios, máis do dobre do que esixe o regulamento interno do partido.
O actual líder provincial, que estivo acompañado de Gloria Prada e Pablo Rivera Capón, amosou o seu agradecemento á militancia e asegurou sentirse "motivado" e "ilusionado" con esta nova etapa.
“Hoxe quero falarvos con emoción, con humildade e con moito agradecemento. Presento oficialmente a miña candidatura á secretaría xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo. E fágoo con forza, con ilusión e, sobre todo, cun profundo compromiso co noso partido e con todos os lucenses”, expresou Tomé.
O dirixente socialista agradeceu “de corazón o apoio e a confianza de tantos compañeiros e compañeiras que, desde todas as comarcas, agrupacións grandes e pequenas, veteranos e novas incorporacións, quixeron avalar este proxecto común”.
Os 760 avais que di ter "supoñen unha ampla maioría respecto aos necesarios, e reflicten un respaldo que vai máis alá do formal: Sen vós, sen a militancia, nada disto sería posible. Grazas polas vosas palabras de ánimo, polo voso traballo e polo compromiso diario co noso proxecto político”, recoñeceu Tomé.
Tamén tivo palabras de respecto cara a quen apoia outras opcións dentro do proceso interno: “Quero mostrar o meu respecto máis absoluto a quen decidiu avalar a outra candidatura, a encabezada por Iván Castro. Este é un partido profundamente democrático, onde todas as voces teñen cabida. A pluralidade enriquécenos, e eu sempre estarei do lado do respecto e da convivencia interna. O proceso de primarias sempre é un proceso enriquecedor e democrático, onde os militantes deciden co seu voto. E eu como fixen sempre, sométome a o seu veredicto e confío plenamente no seu apoio maioritario”.
Coa candidatura xa presentada, Tomé inicia agora unha nova etapa de contacto coa militancia: “Vou percorrer a provincia, falar con cada agrupación, escoitar as inquedanzas, compartir propostas e, sobre todo, construír xuntos un proxecto colectivo. Un proxecto que non nace dunha persoa, senón dunha idea compartida: seguir facendo do Partido Socialista a forza transformadora da provincia de Lugo”.
O actual secretario xeral defendeu que a súa candidatura representa continuidade, pero tamén renovación e impulso: “Queremos consolidar os nosos gobernos municipais, recuperar espazos, conectar coa cidadanía e construír unha provincia máis xusta, máis cohesionada e con máis oportunidades”.
“Teño orgullo de ser socialista e de pertencer a esta familia dende hai moitísimos anos”, concluíu Tomé. “Quero seguir sendo o voso secretario xeral para seguir sumando, para seguir servindo á militancia e para fortalecer, entre todos e todas, un partido con ideas claras, con cabeza e con corazón".

Pola súa banda, Iván Castro, edil socialista en Paradela, rexistrou os 373 avais previstos, aínda que tamén dixo ter máis sen precisar a cantidade. Estivo acompañado polos rexedores de Castroverde, Xosé María Arias, e de Guitiriz, Marisol Morandeira.
Este último valorou positivamente o proceso e afirmou que “vai ser moi beneficioso para o partido”, defendendo que “a renovación é fundamental para seguir avanzando”.
O vindeiro 27 de abril anunciarase oficialmente o gañador deste proceso interno, como paso previo ao congreso provincial que se celebrará o 10 de maio.