José Tomé explicou a un grupo de rapaces e rapazas que na Deputación "traballamos para que a provincia funcione mellor"

LugoXa
Os rapaces, de entre 9 e 10 anos, realizaron diversas preguntas ao presidente, interesándose por temas como o seu día a día na Deputación
Visita-do-alumnado-Maristas-ao-Pazo-de-San-Marcos
11 Feb 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu ao alumnado de 4º de Primaria do colexio Maristas de Lugo nas dependencias da institución provincial, onde os 25 nenos e nenas que formaban o grupo tiveron a oportunidade de facerlle preguntas ao mandatario sobre a súa labor e as funcións da Deputación.

"Traballamos para que a provincia funcione mellor", destacou Tomé Roca, que aproveitou a visita para explicar aos pequenos algúns dos aspectos principais do seu traballo.

"Na Deputación preocupámonos por moitas cousas que seguro que vos sonan", afirmou, facendo referencia á importancia de velar por que as estradas estean en boas condicións, garantir o benestar dos avós e avoas, manter os espazos naturais limpos e protexidos ou mellorar a experiencia de quen visita Lugo, para que queiran volver.

Os rapaces, de entre 9 e 10 anos, realizaron diversas preguntas ao presidente, interesándose por temas como a súa formación académica, a súa profesión, o equipo de fútbol ao que pertence ou como é o seu día a día na Deputación.

Ademais, os nenos e nenas puideron visualizar un vídeo no que se contaba a historia do edificio da Deputación e realizaron unha visita ao Salón de Plenos, onde tiveron a oportunidade de ver de cerca o funcionamento das sesións e o traballo das autoridades locais.

Para finalizar a visita, o presidente Tomé Roca entregou aos pequenos unha mochila con unha gorra, unha libreta e un bolígrafo, todos eles rotulados co escudo da Deputación, como recordo do encontro.

0.21965193748474