José Tomé fai efectiva a súa dimisión na Deputación de Lugo e asegura que investigará “ata o final”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O BNG non participou no pleno extraordinario para manter a súa posición política
pleno-Deputación-de-Lugo-dimisión-José-Tomé
30 Dec 2025

O Pazo de San Marcos acolleu este martes, 30 de decembro de 2025, o pleno extraordinario no que José Tomé oficializou a súa renuncia á presidencia da Deputación de Lugo, tal e como anunciara tras facerse públicas o pasado 10 de decembro as denuncias por presunto acoso sexual. A sesión desenvolveuse sen a asistencia dos deputados do BNG, que si estiveron presentes no pleno ordinario celebrado a continuación.

A saída de Tomé da presidencia non implica o abandono da súa acta, xa que pasará a exercer como deputado non adscrito, mantendo a súa presenza na corporación provincial ata o remate da lexislatura. Segundo indicou, continuará votando en coherencia cos grupos socialista e nacionalista.

Na súa intervención, o exmandatario reiterou a súa inocencia e afirmou que aínda descoñece o contido concreto das denuncias, unha situación que describiu como de “indefensión”, ao considerar vulnerada a presunción de inocencia. Recordou tamén que non existe ningunha denuncia nos xulgados, senón unha comunicación interna no seo do partido, que cualificou de falsa. Ademais, anunciou que emprenderá accións legais e insistiu en que está a ser vítima dunha persecución política de ámbito supraprovincial.

Tras agradecer o labor do persoal da Deputación, lamentou que o dano causado “xa non ten marcha atrás”, tanto no plano político como no persoal, familiar e social. “Quen nada fixo, nada ten que temer”, concluíu, asegurando que el non era nin o único nin o principal obxectivo da situación vivida.

No pleno ordinario posterior debátese unha moción do Grupo Provincial Popular para reprobar a José Tomé. O seu portavoz, Antonio Ameijide, avanzou que tamén solicitarán a reprobación da deputada socialista Pilar García Porto, á que sinala como encubridora, e apelou ao BNG para que decida “entre o feminismo ou pisar moqueta”.

Tomé non realizou declaracións públicas nin antes nin despois do pleno extraordinario, reaparecendo xa na sesión ordinaria, onde ocupou un escano xunto á bancada socialista, ao carón de García Porto.

O vicepresidente da Deputación e deputado do BNG, Efrén Castro, explicou que a ausencia do seu grupo no pleno de renuncia responde á decisión de non participar en sesións presididas por Tomé. Confirmou tamén que o BNG apoiará a súa reprobación polas actitudes denunciadas, aínda que rexeitou estender esa censura a Pilar García Porto.

Desde o PP insistiron en reclamar a saída de ambos dirixentes socialistas e cuestionaron a continuidade do pacto de goberno. Pola súa banda, García Porto defendeu a actuación do PSOE, asegurando que se actuou con rapidez e contundencia en canto a denuncia chegou polos canais internos do partido.

Tras a renuncia formal, a presidencia da Deputación queda en mans do nacionalista Efrén Castro ata o 14 de xaneiro, cando está prevista a elección do novo presidente. Aínda sen confirmación oficial, varios nomes do PSOE soan para asumir o cargo no tramo final da lexislatura.

⚙ Configurar cookies
0.079142093658447