José Tomé, na xornada ‘Mulleres sementando futuro’: "As mulleres son o motor que mantén vivo o territorio”

A Deputación de Lugo clausurou a xornada Mulleres sementando futuro, unha iniciativa enmarcada no proxecto europeo Agrosocial, dotado con 1,9 millóns de euros, que busca fortalecer a cooperación entre Galicia e Portugal para facer do sector agroalimentario un motor de desenvolvemento económico, social e tecnolóxico.
“Facémolo desde Lugo, unha provincia que produce o 20% do leite de España, pero que tamén produce algo máis importante: ideas, innovación e futuro”, destacou o presidente da Deputación, quen subliñou que as mulleres son “imprescindibles, o motor que mantén vivo o territorio”. Engadiu ademais que “non hai equilibrio territorial sen un rural forte, sen mulleres con voz e con oportunidades”, e defendeu un modelo de desenvolvemento que combine “o saber de sempre coa tecnoloxía do presente, que una cooperación, investigación e emprendemento, e que transforme a tradición agrogandeira nunha vantaxe competitiva”.
O programa desenvolveuse ao longo da mañá no Salón de Actos da sede provincial e contou coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, encargado de dar a benvida a unha trintena de mulleres vinculadas aos sectores agrícola e gandeiro, e da xefa de servizo da área de Economía e Emprego, Julia Vázquez Silvarrey.
A cita estruturouse arredor dun foro sobre as voces femininas no agro e dun taller centrado no acceso á financiación, a conciliación, a participación e o liderado nas cooperativas, ademais da tecnoloxía e a comercialización con perspectiva social. A mesa redonda contou coa participación da presidenta da Federación de Mulleres Rurais, Verónica Marcos Arrojo; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, Rosa Romero Franco; a responsable da cooperativa Milhilloa, Carmen Valiño Vázquez; e a representante de Mel Toxalriba, de Navia de Suarna, Cristina Álvarez Carro.