José Tomé Roca animou á lectura na celebración do Día do libro en Cervantes
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres nos actos conmemorativos con motivo do Día do Libro celebrados no concello de Cervantes. O mandatario provincial estivo acompañado polo Alcalde da localidade, Benigno Gómez, e os deputados provinciais Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón e Xosé Luis Raposo.
José Tomé destacou a importancia desta cita que incentiva a lectura porque, sinalou, “cando formamos nenos e nenas que len e que escriben, estamos formando cidadáns con capacidade crítica, con sentido para desenvolverse axeitadamente na realidade que lles toca vivir”. “Animar ós mozos e mozas a escribir é un xeito de achegalos á lectura, porque para escribir ben, é preciso ler moito”, afirmou o Presidente.
“Escribir é un exercicio básico para axudar a desenvolver a nosa actividade mental. Un exercicio no que temos que combinar a capacidade sen límites da nosa imaxinación coa claridade e coa precisión da expresión. E sobre a imaxinación e sobre a capacidade para chegar ós lectores sabe moito a ilustre pregoeira de hoxe, a escritora Helena Villar Janeiro. Unha lucense de Becerreá que logrou un recoñecido prestixio nos eidos da narrativa e da poesía”, asegurou o mandatario provincial.
Tomé Roca trasladou “o compromiso da Deputación de seguir colaborando con esta iniciativa, que consideramos de gran interese para dinamizar o noso rural, a nivel social, pero tamén económico. Co convencemento de que a cultura nos fai mellores como sociedade e de que supón a única vacina eficaz para tratar de loitar contra pandemias como a da guerra que, por desgracia, castiga de novo o este de Europa”.
A Deputación de Lugo apoia a organización desta cita coa entrega de 150 exemplares do libro Árbores e formacións senlleiras da contorna dos Ancares e do Courel, unha publicación elaborada por José Gaspar Bernández, doutor en Investigación Agraria e Forestal, e Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC), coa que colaborou a institución.
A xornalista e escritora Helena Villar Janeiro foi a pregoeira desta cita, cunha reflexión que levaba baixo título: Cervantes, territorio literario. Tamén se presentou e visitou exposición de pintura dos Ancares de Silvia González Armesto. O alumnado do Centro Público Integrado de Cervantes asistiu ao acto e recibiu os recoñecementos polo concurso de relatos convocado de forma anual coincidindo co Día do Libro.