José Tomé Roca dimite como presidente da Deputación de Lugo pero mantén a Alcaldía de Monforte

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
"Foron 40 anos de afiliación, con responsabilidades e formando parte esencial da miña vida", afirmou nunha rolda de prensa ante os medios de comunicación na que defendeu a súa inocencia
rolda-de-prensa-José-Tomé-dimisión
10 Dec 2025

José Tomé Roca vén de dimitir como presidente da Deputación de Lugo  trala comparecencia fronte aos medios que tivo lugar esta tarde, a partir das 17.00 horas, no Concello de Monforte, onde seguirá como alcalde. Así, deixa de ser presidente da Deputación de Lugo, institución na que goberna o PSOE conxuntamente co BNG, que mostrou o reu rexeitamento á violencia de xénero e esixiu a dimisión urxente do mandatario provincial, ou, se non, deixarían o Goberno provincial. Tamén deixa a Secretaría Xeral do PSdeG da provincia de Lugo, algo que xa lle comunicou a Besteiro.

Durante a rolda de prensa, defendeu que non quere prexudicar ao seu partido. "Foron 40 anos de afiliación, con responsabilidades e formando parte esencial da miña vida. Quero profundamente este partido porque é, ao meu xuízo, o máis democrático. Todos os avances fundamentais chegaron da man dos socialistas. Eu non vou prexudicar ao partido en absoluto e, por iso, despois de falar coa dirección e vendo que se trata de denuncias falsas, decido dimitir como presidente para poder preparar a miña defensa nas mellores condicións".

José Tomé continuará exercendo como alcalde de Monforte de Lemos, xa que mantén a Alcaldía por decisión directa dos veciños, que lle deron o seu apoio nas urnas, a diferenza do sucedido na Deputación. Con todo, no Concello tamén se solicitará a suspensión cautelar de militancia e o alcalde e os concelleiros pasarán aos non adscritos, unha fórmula que conta co respaldo dos membros da executiva.

Así, reafirmou a súa inocencia ao destacar que el non tiña constancia de ningunha denuncia contra a súa persoa, nin polos canais internos do partido nin por vía xudicial, e tal como declarou pola mañá durante a presentación dun autobús rural para o municipio, "é todo falso e mentira". Tomé asegura que algunha vez puido facer "algunha broma", pero "acoso, xamais", e afirma que a cuestión non o colle por sorpresa. "Os bulos xa os vivín anteriormente. Non teño medo pola miña carreira, todo acaba sabendo. Agora non quero acusar a ninguén", declarou ante os medios.

Porén, iso non lle fai manterse no posto e, con "responsabilidade", deixa todos os cargos para que a xustiza poida actuar mentres el se mantén apartado da vida pública, "sobre todo pola miña familia", lamenta.

TRAXECTORIA POLÍTICA

José Tomé Roca, (Guitiriz, 3 de setembro de 1958) comezou a súa vida pública vinculado á UXT Lemos, pero non foi ata 2005 cando deu o salto á política, cando accedeu ao Parlamento de Galicia como deputado autonómico polo PSOE, pero no ano 2011 decidiu renunciar ao escano para centrarse na vida municipal, sendo no ano 2015 cando é elixido por primeira vez alcalde de Monforte de Lemos, cargo que ostentaba ata o día de hoxe.

Con respecto ao seu partido, o PSOE, entre 2017 e 2019 foi vicesecretario xeral da executiva provincial socialista e en xullo dese ano foi nomeado presidente da Deputación de Lugo nun goberno conxunto co BNG, converténdose no terceiro socialista en ocupar o cargo desde o inicio da democracia. Ademais, tamén ocupaba o cargo de secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, cargo que foi revalidado este pasado 10 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.081896066665649