Julián Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus: “Necesitamos máis implicación nas actividades”

LugoXa
Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus desde o ano 2001, valora a evolución da asociación e o momento actual, destacando a necesidade de implicación dos socios nas actividades que se organizan
Directiva-Sociedade-Micolóxica-Lucus
19 Jan 2025

Jessica Fernández

Cando e por que nace a Sociedade Micolóxica Lucus?

A asociación nace en 2001 como unha iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía que en, o contexto duns cursos que organizaba o Concello, decidimos reunirnos para crear unha asociación que canalizase as inquietudes da xente no ámbito da micoloxía, así como organizar actividades, gozar desta afección común, informar...

Cales son os obxectivos e valores?

Os obxectivos e valores son o estudo, promoción e divulgación da micoloxía, pero tamén promover o coñecemento e a defensa da natureza. Tentamos innovar tamén, pero hai que ter en conta que isto se saca do tempo persoal e laboral e non hai tempo para abordar todo o que queremos. Somos un grupo no que compartir intereses e inquietudes, xa que as relacións humanas tamén están presentes na asociación.

Como valoran a traxectoria?

Para nós, é unha traxectoria positiva. Foi moi rapidamente ascendente, xa que ao principio eramos poucos, ao redor de 40, e agora somos uns 280 socios. Somos a asociación de micoloxía en número de socios máis grande de Galicia. Con respecto ás actividades, tamén foi ascendente, xa que ao principio tiñamos poucos medios e non tiñamos local social, o centro educativo Galén cedíanos unha aula. Logo, empezamos a facer actividades, como exposicións, cursos, saídas ao campo... e fomos establecendo colaboracións con institucións para crecer e ter un sustento de financiamento para poder facer actividades. A única pega é que, durante os primeiros anos, e con menos medios, había ambiente asociativo de participación e, agora -e é un problema do asociacionismo en xeral-, bótase en falta que a xente se implique, xa que colabora e participa pouco. Non somos unha empresa de servizos, somos un conxunto de socios con intereses comúns, polo que é importante participar.

Que actividades organizan?

Ao longo dos anos, fóronse consolidando unhas actividades permanentes e, a maiores, facemos outras excepcionais. Unha actividade é os Luns Micolóxicos, porque a fin de semana a xente sae, observa e recolle; e os luns reunímonos e analizamos os cogomelos que levan para aprender. Por outra banda, todos os anos facemos paseos micolóxicos na contorna de Lugo para ver a contorna micolóxica da tempada. Facemos tamén a primeira fin de semana de novembro a exposición micolóxica, que agora a acolle o Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo, que é das máis vistosas que se fan en Galicia. Tamén facemos todos os anos unha excursión a finais de primavera de todo a fin de semana a Galicia ou Portugal con finalidade naturalista e cultural. Ademais, todos os anos facemos unha degustación, como un acto de confraternidade cos socios; e hai máis de 10 anos organizamos un premio, o Cogomelo Lucus, que se lle entrega a unha entidade como recoñecemento polo seu percorrido e o seu apoio á asociación. Como última actividade permanente, temos a redacción anual da Revista Micolucus, que trata temas de natureza e micoloxía.

Como actividades engadidas, colaboramos en estudos de diversidade nunha zona concreta e tempada con expertos en plantas, fungos... nos que tamén pode participar a xente do montón, e que axuda a coñecer a diversidade da zona e aprender, porque hai xente experta en diferentes disciplinas. Durante o ano, tamén adoitamos facemos cursos de micoloxía; un dunha semana coa Deputación de Lugo e outros ao redor dos concellos da provincia sobre cultivo de cogomelos ou algún tema de natureza de interese. E á parte disto, tamén se fan eventos relevantes como un encontro de micoloxía que organizamos en 2013, unha excursión para transmitir os valores de Lugo e a súa contorna... sempre se aborda algo especial ou fóra do que está consolidado. Ademais, colaboramos con outras asociacións micolóxicas. Aquí na provincia somos cinco, nós en Lugo, a de Sarria, a de Monforte, a de Sober e a de Foz, e tamén facemos actividades conxuntas e respectámonos nas actividades dos demais.

Crearon a Guía Micolóxica da Provincia de Lugo, como foi o proceso?

A guía naceu no contexto dun proxecto da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo. Un dos traballos que se fixeron foi a creación dunha guía divulgativa da provincia redactada por catro membros da asociación: eu, Julián Alonso, José Castro, María Cristina García-Echave e Antonio Rigueiro. Queriamos crear unha guía que fose básica e que servise para alguén que se quere iniciar no mundo da micoloxía, pero á vez rigorosa e relacionada cos aspectos básicos do mundo da micoloxía e dos fungos. Así, conseguimos unha guía que nos satisfai porque integra as especies máis representativas dos hábitats da provincia e permite ser manexable, é como unha guía de campo. Como comentaba, editouse no marco da Universidade e da Deputación de Lugo, polo que se entregaba nos actos organizados por estas entidades, pero non estaba permitida a súa distribución e venda, polo que decidimos sacar unha segunda edición cuxa propiedade é da Sociedade Micolóxica Lucus, o que permite ser distribuída e vendida para que poida dispoñer dela calquera persoa interesada da sociedade. Os fondos que se xeran a través desa distribución serven para toda a asociación, non en beneficio dos catro editores.

Que nos podemos atopar nesta guía?

O que nos podemos atopar é unha parte introdutoria sobre as características físicas e ambientais da provincia de Lugo, logo vén o á parte da micoloxía, na que se expoñen conceptos claros dos fungos; e despois céntrase en criterios para identificar os distintos cogomelos hai, engadindo unha parte de toxicidade; e logo vén a parte descritiva con fichas que inclúen a descrición de 202 especies representativas da provincia de Lugo coas partes de cada cogomelo; mentres que a parte final ten a lexislación aplicable a estas actividades, un glosario e un dicionario técnico da terminoloxía, terminando coa bibliografía na que se inclúen artigos e traballos consultados.

Que beneficios ten iniciarse no mundo da micoloxía?

Somos unha provincia con moito interese pola micoloxía. Eu creo que, como outras disciplinas da natureza, isto permíteche estar en contacto co medio natural e todo o positivo que ten: permíteche gozar dela, valorala e estudala. Ademais, compártense coñecementos, polo que transmitimos o valor da solidariedade e o do compañeirismo; valórase a contorna, apréndese a preservalo e tamén é beneficioso porque tes unha actividade física. Todos estes valores humanos positivos poden transmitirse nesta actividade, pero hai que ter unha mínima sensibilidade.

Ademais do coñecemento da micoloxía, transmiten o coidado da natureza, por iso son contrarios a proxectos que poñan en perigo os ecosistemas.

Un dos obxectivos desta asociación é a defensa da natureza e nós sempre temos en conta as consideracións que teñen os nosos socios e tomamos decisións na asemblea xeral. Un dos nosos membros expuxo a problemática da instalación da planta de macrocelulosa Altri na nosa provincia e decidimos facernos eco da nosa desconformidade por un motivo naturalista. Nós non somos asociación de ningunha bandeira e entre os nosos socios hai todo tipo de orientacións políticas, así como non estamos en contra do desenvolvemento industrial; pero se consideramos que Altri pon en risco os ecosistemas e, como consecuencia, o ámbito da micoloxía nunha zona moi rica e diversa. Segundo os estudos e debido á súa dimensión, vai ter un impacto negativo sobre o mundo animal, a flora e a fauna, así como afectará as augas e provocará emisións de gases que será negativo para os fungos que viven asociados coas plantas e así aumentará a debilidade destes ecosistemas.

Cales son os proxectos futuros da Sociedade Micolóxica Lucus?

O proxecto máis importante da asociación é interno. O maior reto é persistir como tal e funcionar como unha asociación, que a xente se implique e entendan que unha asociación é un conxunto de xente con intereses comúns con dereitos e obrigacións, como colaborar. Así, consideramos que temos un problema de renovación de directiva, xa que é importante que haxa xente que veña con boas ideas; isto desgasta, non é bo que eu leve 23 anos de presidente. Sería positivo que houbese renovación e cambios. Con todo, se teño que seguir un ano máis, fareino con todas as ganas, pero pedindo que os nosos socios sexan máis participativos nas actividades que organizamos.

0.17476391792297