L de Lugo regresa ao Pazo de Feiras coa súa quinta edición

A quinta edición da feira L de Lugo celebrarase os días 26 e 27 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos, unha cita consolidada como unha iniciativa que dinamiza o sector da hostalaría e a alimentación na provincia, promovida pola Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo (Adislugo) e co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta.
Este ano L de Lugo contará con máis de 200 expositores e máis de 150 bodegas que ofrecerán preto dun milleiro de viños, catas comentadas, degustacións guiadas, maridaxes, presentación de produto, showcookings, obradoiros especializados, demostracións de coctelería e baristas, actuacións musicais e actividades infantís, poñendo en valor o produto local, a profesionalización do sector e o consumo responsable.
O evento abrirase ao público o domingo, 26 de outubro, de 12:00 a 20:00 horas e o luns, dedicado aos profesionais, prolongarase ata as 21:00 horas, contando con servizo de buses desde a Praza de Bretaña. As entradas poden adquirirse a través da web por 20 euros en venda anticipada, mentres que o prezo o propio día será de 25 euros, sendo o acceso de balde para menores de 18 anos.
Entre as actividades destacadas, o público poderá gozar do espazo de coctelería “Salón MiXterio”, que funcionará o domingo de 16:30 a 20:00 horas e o luns de 16:30 a 21:00 horas, ademais das catas, degustacións, presentacións e demostracións gastronómicas programadas.
A xornada do luns 27 incluirá tamén a final do concurso ‘Mellor hamburguesa con L de Lugo’, con cinco propostas finalistas, entre elas a elaborada polos estudantes do IES Sanxillao Victoria Isabella Noguera e Luis Manuel Huertas.
PRESENTACIÓN
Durante a presentación no Pazo de San Marcos, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que a Deputación de Lugo achega 15.000 euros para facer posible esta cita e resaltou a relevancia estratéxica desta feira, subliñando que “a gastronomía e o turismo son dous piares fundamentais para a provincia, e este evento é unha ferramenta eficaz para dar visibilidade aos nosos produtos, apoiar ao sector e xerar oportunidades no territorio”. García Porto destacou que a Deputación continuará respaldando o sector por ser un motor económico, fixador de poboación rural e unha das mellores cartas de presentación da provincia.
Pola súa banda, Isabel Lozano, representante de ADISLUGO, agradeceu o apoio da institución provincial e salientou que a feira pasou de ser un evento puntual durante a pandemia a converterse nun encontro multitudinario, que atrae máis de 7.000 visitantes e reúne a máis de 200 expositores nacionais e internacionais.
Tamén foi presentado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e membros da entidade organizadora, encabezados polo presidente, Eloi García.
Segundo destacou Arias, a feira “experimentou un progreso firme e extraordinario desde a primeira edición”, logrando consolidarse nun lustro como un punto de encontro indispensable entre produtores, distribuidores, hostaleiros e clientes.
A Xunta participa activamente na feira, apoiando a organización e difundindo a calidade dos produtos galegos a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e de Turismo de Galicia, que contará cun punto informativo sobre os atractivos do territorio.