La Mosca convida a “merendar” arte e conversa en Solaina cunha exposición baseada no xogo

O colectivo de artistas La Mosca presentará o vindeiro venres 24 ás 20 horas en Solaina a exposición A Merenda, unha proposta que reúne diferentes proxectos nacidos do traballo en grupo, a experimentación e a práctica compartida.
Nesta mostra, o proceso e o diálogo son o verdadeiro centro da creación, nun exercicio artístico que convida a facer unha pausa para compartir e reflexionar.
A Merenda concíbese como un espazo onde o erro se entende como unha ferramenta útil para a busca e a aprendizaxe, e onde a autoría individual se dilúe entre conversas, decisións compartidas e intuicións colectivas. Máis que o resultado final, o que importa é o que acontece durante o proceso, no xogo e na interacción entre as persoas creadoras.
As pezas que se presentan reflicten esta metodoloxía baseada na confianza mutua e na exploración, con obras nas que o proceso é visible e o imprevisto convértese en materia creativa. Fiel ao espírito dunha verdadeira merenda, non faltará o leite con galletas, un detalle que convida o público a gozar dun ambiente próximo, cálido e divertido.
En La Mosca, os fanzines son unha das principais ferramentas de traballo, pois funcionan como exercicios creativos tanto individuais como colectivos que lles permiten explorar novos imaxinarios e dinámicas artísticas. De forma autoxestionada, o colectivo publica pequenas edicións que serven para seguir experimentando coa imaxe mentres se xeran conversas, xogos e preguntas arredor do proceso creativo.
En definitiva, A Merenda é unha invitación a compartir tempo, ideas e galletas, a mirar a creación artística como unha experiencia aberta onde o erro e o xogo son parte esencial da aprendizaxe, da exploración e da beleza.