'La Toffana' e 'Esperando a Will', as últimas propostas da Mostra de Teatro Clásico de Lugo
A programación da XXIV edición da Mostra de Teatro Clásico continúa a ofrecer unha variedade de propostas para os amantes do teatro no Auditorio Municipal Gustavo Freire, que chega a súa fin esta fin de semana. Este sábado 16 de marzo, a partir das 20.30 horas, La Quintana Teatro presenta La Toffana , obra baixo a dirección Maria Herrero, que conta con cinco premios Azahar das Artes Escénicas en Murcia.
Victoria Teijeiro, Amaranta Munana, Aitor de Kintana e María Herrero participan na montaxe teatral inspirada na historia real de Giulia Toffana, unha controvertida muller que viviu a mediados do século XVII. Na Italia da época só había unha forma de liberarse dun matrimonio opresivo: enviuvar. Giulia Toffana decidiu axudar a outras mulleres con matrimonios difíciles a conseguir a súa liberdade. Creou un veleno indetectable: a auga Toffana, cuxos beneficios se difundiron rapidamente entre as mulleres.
Giulia formou á súa filla e ao seu axudante e creou unha rede de distribución que as levou ata a alta sociedade romana. Mantiveron o secreto durante anos ata que as delataron. Nai e filla foron xulgadas pola Inquisición en 1659 acusadas da morte de máis de 600 homes. Pola súa parte, este domingo chega á cidade Esperando a Will da man de Egos Petits. A partir das 18.30 horas poderase gozar deste espectáculo para público familiar, premio ao Mellor espectáculo musical en FETÉN 2022.Anna Alborch, Rubén Montañá e Maria Santallusia dan vida a esta historia, dirixida por Toni Sans.
Tres clowns reuníronse de noite nun lugar solitario para ensaiar unha traxedia escrita por Will, o cuarto membro da compañía, que aínda non chegou. Mentres agardan ao seu amigo, as tres personaxes reflexionarán sobre os temas máis profundos da existencia facendo un retrato da condición humana, mediante a música, o sentido do humor e o teatro dentro do teatro.
As entradas poderán adquirirse a través do portal a 8 euros nos espectáculos para público adulto e 3 euros os espectáculos para público familiar que teñan lugar no auditorio. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán desfrutar dun 30 % de desconto. Ademais, poderase comprar un bono que incluirá toda a programación para público adulto a un prezo de 40 euros