La Vuelta 2024 contará cun percorrido entre Lugo e Os Ancares

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, conseguiu que La Vuelta volva á provincia o vindeiro ano 2024 cunha etapa na que terá especial protagonismo a capital, punto de saída, e Os Ancares, lugar de chegada do pelotón.
volta ciclista galicia bici ciclismo
16 Dec 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, conseguiu que La Vuelta volva á provincia o vindeiro ano 2024 cunha etapa na que terá especial protagonismo a capital, punto de saída, e Os Ancares, lugar de chegada do pelotón. José Tomé asinará un contrato de patrocinio coa entidade organizadora da proba, Unipublic, a través do que a Deputación aportará 40.000€ para a celebración da competición ciclista, un investimento que, segundo destacou, “terá un retorno enorme para a provincia en termos económicos e de promoción a nivel nacional e internacional, tanto a curto como a medio prazo”.

O mandatario provincial participará o vindeiro martes en Madrid na presentación oficial da 79ª edición de La Vuelta. Será unha gala que retransmitirá RTVE e onde se anunciarán as localidades e as datas polas que transitarán as 21 etapas da proba no 2024, que arrancará o 17 de agosto en Lisboa e rematará en Madrid o 8 de setembro. “O obxectivo que motivou á Deputación para volver a colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia forma parte da nosa estratexia para impulsar o desenvolvemento social e económico, neste caso coa promoción do territorio a través do turismo”.

Apostar por La Vuelta a España, destaca José Tomé, “supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística dun valor literalmente incalculable. Situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países”, indica, ao tempo que engade que “un grao de exposición mundial así sería imposible de alcanzar doutro modo”.

“O noso empeño céntrase en dar a coñecer a nosa provincia, e así o evidenciamos con esta colaboración e tamén con outros apoios a competicións deportivas de primeiro nivel, a producións audiovisuais e a eventos musicais, ademais da presenza en feiras do sector, como Fitur, Xantar ou Fairway”, subliña o mandatario provincial.

Explica que para unha provincia coma Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con catro Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa; estar presente nun acontecemento como La Vuelta “resulta fundamental”.

“Esta proba é unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade”. Ademais do retorno que xera a medio prazo en proxección e visitas, José Tomé lembra que a organización dunha proba complexa como esta mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a incrementar a actividade na hostalería, no turismo e no comercio local”.

La Vuelta en datos

La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de centroeuropa,como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.

No ano 2021, La Vuelta discorreu pola provincia na etapa 19, entre Tapia e Monforte de Lemos. Foron 187,8 quilómetros, deles 139 por 12 concellos lucenses, e estivo considerada de media montaña.

0.17169499397278