Labora et ora, Risco dixit

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
19 Apr 2021

Por Moncho Paz

Contaba o Chavito que outro dos clientes históricos da Casa dos Marios fora o ourensán Sebastián Martínez-Risco Macías, quen sintonizara moi ben co meu avó na década de 1940 e que por aquela época adoitaba pasar algunhas tempadas curtas en Vilalba, hospedado no Hotel Chao. Nos fogóns da fonda coincidía con outros intelectuais da posguerra, como Álvaro Cunqueiro e Xosé María Díaz Castro. Xuíz de profesión, foi un destacado ensaísta e poeta, incluído por boa parte da crítica dentro da Xeración de 1925, xunto cun grupo de autores coetáneos como Xosé Crecente Vega ou Xosé Manuel Cabada Vázquez.

Procedente dunha familia acomodada, de fonda identidade galeguista e dun gran nivel cultural, contribuíu nas nosas letras con varios poemarios -o máis coñecido, “14 Nadaliñas”- e outros textos, como o ensaio “Presencia da lingua galega”, publicado por Ediciós do Castro en 1973, catro anos antes do seu pasamento. Sebastián era sobriño do historiador Marcelo Macías e curmán de Vicente Risco, un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.

Segundo lembraba o meu pai, Sebastián Risco era un home elegante, inquedo e viaxeiro, un agudo observador da realidade. Tras numerosas estadías na capital da Terra Chá, atreveuse incluso a definir o noso carácter: “Labora et ora, por esta orde”. Sostiña que os vilalbeses somos trasunto do soporte da nosa terra e, como a chaira acostumada a ouvir o vento, non eludimos o diálogo, pero somos máis de escoitar ca de falar. Cualificábanos como pouco impresionables e tamén pouco efusivos, sinalando especificamente -como deixou escrito- que a dramática do noso espírito consiste en que “as súas reaccións anímicas son, quizais, lentas; a súa vida espiritual, grave e transcendente. As súas ideas son, por iso mesmo, máis claras e arraigadas; os seus sentimentos, máis firmes e duradeiros. O corazón dos vilalbeses é terra abonada para o arraigamento das amizades entrañables, se o xermolo é apto para xermolar nel. Magnífica virtude, en tempos nos que a amizade é planta rara e mal nutrida”.

Con estes ollos nos vía o escritor ourensán e membro da Real Academia Galega, quen tiña unha especial debilidade polo queixo de San Simón, que lle chamaba a atención pola seu sabor afumado e a súa orixinal forma. En certa ocasión contoulle ao meu avó Mario Xosé que degustara este produto por vez primeira en Madrid, e que fora precisamente na capital de España onde se dera a coñecer o queixo artesanal para o gran público, nun acto promovido pola Deputación Provincial de Lugo na Exposición de Industrias Lácteas celebrada en 1913, a instancia das xestións realizadas polo entón alcalde de Vilalba, Andrés Basanta. O máximo mandatario, de liñaxe galega moi antiga, contraera matrimonio cunha ilustre dama, Concepción Silva Posada Villaronte -que proviña dunha adiñeirada familia mindoniense- coa que tivo seis fillos: Francisco, Arturo, Santiago, Carmen, Andrés e Eugenio. Co seu bisneto, tamén chamado Andrés e residente na bisbarra de Compostela, manteño a día de hoxe unha cordial amizade. Hai quen asegura que o seu apelido procede de Villasanta, que posteriormente se transformou en Basanta e se estendeu por toda Galicia.

A Sebastián Risco gustáballe perderse polas rúas e barrios de Vilalba, e sentía unha poderosa atracción pola Torre da Homenaxe do Castelo dos Andrade, símbolo da historia da nosa vila. Adoitaba dicir que as referencias de Vilalba antes do século XIII eran “escasas e imprecisas”. Por exemplo, sabemos que a presenza humana na zona remóntase, como mínimo, á Idade de Pedra, dados os múltiples testemuños megalíticos espallados pola Chaira adiante. Diso sabía moito Xosé Ramil Soneira, que xustamente neses anos chegaba a Vilalba para establecerse como médico, tras unha etapa vital como profesor axudante na facultade de Santiago, onde cursara a carreira.

En realidade, foi o historiador local Manuel Mato Vizoso, fundador de El Eco de Villalba, quen concluíu que os primeiros documentos que se refiren ao noso pobo datan do século VI, coa denominación toponímica de Santa María de Montenegro, ao tratarse dunha vila con muralla e castelo que se atopaba baixo a protección da familia dos Montenegro. Segundo as súas investigacións, no século VIII e, posiblemente, ao abeiro das invasións musulmás que se viñan producindo na península dende comezos da centuria, a fortaleza sufriu un incendio que a deixou totalmente devastada. Pero esa xa é outra Historia, con maiúscula.

Do recuncho amado
0.1486508846283