Presentan o I Concurso de TFG e TFM do Campus de Lugo

LugoXa
O certame ten como obxectivo premiar a calidade e a innovación de proxectos académicos que poidan ser aplicados ás instalacións deportivas municipais
Concurso-Ideas-USC-e-Concello-de-Lugo
29 Jan 2025

A Concellería de Xuventude e Deportes de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), presenta o I Concurso de Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Mestrado (TFM) do Campus de Lugo.

O certame ten como obxectivo premiar a calidade e a innovación de proxectos académicos que poidan ser aplicados ás instalacións deportivas municipais, mellorando as existentes ou propoñendo novas infraestruturas.

Os traballos participantes deberán abordar temáticas como as enerxías renovables, as instalacións eléctricas ou de saneamento, as modificacións estruturais ou outras melloras nas instalacións deportivas municipais.

O prazo para presentar as candidaturas estará aberto desde o 1 até o 31 de outubro de 2025. Os participantes deberán enviar unha copia do TFG ou TFM defendido na convocatoria de xullo do curso 2024-2025, xunto cunha memoria resumo, ao enderezo vr.organizacion@usc.es.

PERSOAS GAÑADORAS

Os premios, que se distribúen en tres categorías (TFG e TFM), ascenden a 3.000, 2.500 e 2.000 euros respectivamente. A entrega dos galardóns terá lugar nun acto público o 28 de novembro de 2025 no salón de plenos do Concello de Lugo.

Os criterios de valoración incluirán a clareza na definición dos obxectivos e resultados, a viabilidade práctica nas instalacións deportivas do Concello, a orixinalidade, o progreso tecnolóxico e a viabilidade económica.

O xurado estará composto pola alcaldesa de Lugo, o vicerreitor do Campus de Lugo, un decano ou director de centro, o concelleiro de Xuventude e Deportes e o secretario adxunto ao vicerreitor.

POSTA EN VALOR DESTA INICIATIVA

Segundo o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, o obxectivo é "crear unha ponte entre o potencial da nosa comunidade universitaria e as necesidades da cidade. Lugo é unha cidade en constante evolución, e iniciativas como esta son clave para continuar avanzando".

Unha das grandes novidades deste concurso é que o Concello poderá executar os proxectos premiados, facendo realidade as propostas máis innovadoras e viables. "Non queremos que as boas ideas queden no papel. Este concurso reflicte o noso compromiso por transformar Lugo nun referente de innovación e funcionalidade, levando á práctica os proxectos máis destacados", sinalaron Bustos e Fraga.

Por último, Bustos destacou a importancia do Campus Terra como referente académico en Lugo, subliñando a súa especialización en áreas como o medio ambiente, as enerxías renovables e o desenvolvemento sostible, o que encaixa perfectamente cos intereses do Concello.

O concelleiro tamén destacou a colaboración entre as administracións locais e a universidade como un motor clave para o desenvolvemento: "Este tipo de colaboración é a mellor forma de aplicar o coñecemento e a investigación para responder ás demandas dunha sociedade moderna, sostible e orientada ao benestar", concluíu.

0.17484903335571