Lanzan unha nova edición de EnRedando co Galego para promover o uso da lingua entre a mocidade

Ponse en marcha unha nova edición de EnRedando co Galego, unha iniciativa organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que se desenvolverá en cinco institutos de Lugo.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que “con esta iniciativa buscamos repetir o éxito dos anos pasados e promover o uso do galego entre a mocidade, facilitando que as rapazas e rapaces participantes utilicen a lingua para crear contido literario e artístico”.
Durante os vindeiros 21 días, o estudantado dos institutos Sanxillao, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lucus Augusti, Politécnico e Ánxel Fole poderá participar en dúas modalidades distintas: unha experiencia de inmersión lingüística, na que compartirán nas redes sociais as súas reflexións sobre o uso do galego, e unha proposta de creación literaria e artística, que consistirá na elaboración de obras en galego en formato escrito ou dixital, que serán remitidas á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.
As mellores creacións e publicacións, tanto da modalidade en redes sociais como da literaria e artística, recibirán premios. Ademais, todas as persoas participantes contarán con agasallos e poderán optar a sorteos de material tecnolóxico e lotes de libros en galego na gala final.
O proxecto contará tamén coa participación dos poetas Lucía Aldao e Samuel Merino, que acompañarán as presentacións nos centros educativos. Ao remate da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán un encontro no que as e os participantes poderán compartir experiencias e desfrutar de actuacións en directo.
O programa, impulsado polas concellerías de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e de Educación e Difusión do Coñecemento, ten como obxectivo fortalecer a conciencia e a competencia lingüística do alumnado a través de diferentes actividades que achegan o galego a novos espazos da súa vida cotiá.