Turistas de Francia, Portugal e Reino Unido elixen Lugo como destino de vacacións
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que se veñen de reeditar os planos turísticos de Lugo, que elabora a área de Turismo para "facilitar que as persoas que nos visitan poidan coñecer os principais puntos de interese da cidade". En total, editáronse 13.500 planos que se distribuirán entre os principais negocios do sector, e estarán dispoñibles tamén nos puntos de información turística, tanto na Oficina Municipal de Turismo como no punto informativo da praza Maior.
O posto de atención turística da praza Maior, que se coloca cada ano co comezo da temporada alta de turismo, permite aumentar ano tras ano a cantidade de visitantes que reciben información turística á súa chegada a Lugo para mellorar a súa estancia na cidade. Durante o ano pasado, o punto de información turística atendeu en a preto de 50.000 persoas.
Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacaron os procedentes do resto de Galicia, ademais das principais zonas do estado como Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais, onde hai rexistros de turistas de distintos países de todo o mundo.