Lara Méndez afirma que Besteiro impulsará de novo a vivienda pública

LugoXa
Afirma que coa Xunta do PP se levantaron en Galicia 5.
lara mendez psoe lugo eleccions
30 Xan 2024

Afirma que coa Xunta do PP se levantaron en Galicia 5.855 vivendas sociais, menos da metade que as executadas polo Goberno de Touriño en só catro anos (11.602).

Lara Méndez, a candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, anunciou que con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta se construirán en Galicia unha media de 2.500 vivendas sociais anuais, seguindo a estela do Goberno liderado por Pérez Touriño. “Os datos son demoledores”, sostivo, “cos gobernos de Feijóo e Rueda en 15 anos se executaron en Galicia 5.855 vivendas sociais, menos da metade que as executadas polo Goberno de Touriño en só catro anos (11.602)”.

Méndez lembrou que, neste marco, “unha vez máis Lugo é a gran prexudicada e a gran discriminada porque nestes 15 anos a Xunta non levantou nin un só inmoble protexido polo que resulta sorprendente que o señor Rueda veña a prometer, precisamente a Lugo, que duplicará o parque de vivenda pública nos vindeiros catros anos. O dobre de cero e dobre cero”.

A última licencia concedida en Lugo para vivenda pública foi outorgada polo Concello en decembro de 2008, con Touriño na Xunta, para a construción dun edificio na Avenida Paulo Fábio Máximo. “Dende ese momento todo o investimento do IGVS ao respecto foi na rehabilitación dalgúns inmobles na Tinería, onde co bipartito se investiron 25 millóns de euros fronte ao millón do PP”, comentou Méndez.

“E ata sonaría a un mal chiste se non estivésemos a falar de que a falta de vivenda a prezos accesibles é un dos principais problemas para a cidadanía, especialmente para aquela con menos recursos: falamos da xente moza, de moitas familias con fillos e de xente maior con baixas pensións”, argumentou. Na actualidade, o rexistro autonómico conta con 18.170 demandantes de inmobles protexidos, 1.685 na provincia de Lugo, e un millar na capital.

Para a candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, “aínda que Rueda construíse as 8.000 vivendas do seu anuncio electoral, que non temos porque crer á vista dos datos anteriores, serían totalmente insuficientes. E digo a vista dos datos anteriores, pero tamén á vista dos datos actuais porque non están a ser capaces de desenvolver a vivenda protexida comprometida cos fondos europeos transferidos desde o Estado para este fin, onde en Lugo se prevén 204 inmobles e non comezou ningún deles a pesar de ter parcelas xa para facelos”.

Nos dous últimos anos, os fondos europeos, tan denostados polo PP, que vota en contra deles no Congreso, impulsan en Galicia máis vivendas protexidas en alugueiro (unha das figuras máis demandas pola cidadanía) que as sumadas en máis dunha década polos gobernos do PP de Feijóo e Rueda.

“Levamos, pois, 15 anos perdidos na promoción de vivenda pública”, comentou Méndez, e co maior parque de vivendas baleiras de España, 3 de cada 10 están desocupadas. No 2022, a Xunta deixou case 7 de cada 10 euros orzamentados sen investir e do programa de acceso á vivenda tan só executaron o 8,8% do orzamento (4,4M de euros dun total de 52M). Mentres, o custo das vivendas novas está a aumentar máis dun 10% en termos interanuais (2t-2023) e en canto á vivenda de segunda man, acumula xa sete anos de ascensos trimestrais ininterrumpidos. Sobre os prezos dos inmobles en alugueiro, creceron un 8,4% en Galicia en 2023, a subida máis alta desde 2019, segundo Fotocasa

Lara Méndez resumiu a situación da vivenda social en Galicia, “xestionada por unha Xunta ineficaz na xestión dos fondos europeos, cuns dirixentes do PP sen sensibilidade polos problemas reais da cidadanía e cunha Xunta que busca a crispación permanente co Goberno central”.

O PP non só votou en contra senón que boicotea desde as CCAA que goberna a primeira lei de vivenda da democracia coa que o Goberno de Pedro Sánchez non só permitirá topear os prezos nas áreas tensionadas, senón que fixa unha subida dos prezos limitada ao 2% en 2023, 3% en 2024 e creación dun índice para limitalos por debaixo da inflación en adiante.

Fronte a isto, con José Ramón Gómez Besteiro na Xunta, “actualizaremos a lei de vivenda de Galicia do 2012 á nova realidade e ao novo marco xurídico da Lei estatal, ao tempo que lle daremos un impulso á construción de vivenda protexida e determinaremos a definición de vivenda baleira, como o fan outras CCAA como o Pais Vasco, e así poder levar a cabo un Plan Efectivo para a rehabilitación das vivendas baleiras, que incentiven a súa incorporación ao mercado do aluguer”.

0.19752907752991