Lara Méndez anuncia a aprobación das expropiacións para completar o cinto verde
A alcaldesa de Lugo explicou que o Concello autorizou xa a adquisición dos terreos, por valor de 2M €, “o que permitirá gañar máis de 28.000 m² de superficie para unir os parques do Miño e do Rato, converténdoo nun conector ecolóxico peonil”.
A alcaldesa, Lara Méndez, presentou as súas propostas medioambientais para o próximo mandato, cunha finalidade clara: abordar a transformación ecolóxica da cidade “vivindo a contorna fluvial”.
Así, a rexedora recordou o seu compromiso de avanzar no peche do Cinto Verde que unirá o Parque do Miño co Rato e A Tolda, “cun ambicioso proxecto presentado xa en Europa para convertelo nun conector ecolóxico peonil e ciclista entre a zona urbana e a fluvial, ao mesmo tempo que recuperamos o seu hábitat e impulsamos os seus usos para o ocio, o deporte e o esparexemento”.
“De feito, na anterior Xunta de Goberno Local aprobouse xa a expropiación de máis de 28.000 m² de terreos – por un importe conxunto de 2 millóns de euros - mostra clara de que xa estamos a traballar na materialización deste proxecto”, engadiu.
Méndez lembrou, así mesmo, que outra das medidas que se levarán a cabo nos próximos anos será a rexeneración integral do Rato a través do convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Unha intervención que inclúe a limpeza da canle fluvial, solucións de saneamento, plantación de especies autóctonas e tamén a creación de novas áreas de recreo e sendeiros peonís.
“Aínda que a nosa defensa do Rato inclúe igualmente a súa protección ante a construción da Rolda Leste, tal e como está deseñada pola Xunta de Galicia”, engadiu a mandataria lucense.
“Ampliaremos as dotacións da contorna fluvial coa creación do Centro de Enogastronomía na Fábrica da Luz no marco dun ambicioso Plan de Turismo Sostible, para o que acadamos 2 millóns de euros de fondos europeos e, se é preciso, cada ano, pelexaremos ata acadar que a Xunta nos permita habilitar no Miño a zona de baño público na que investimos máis 300.000 euros tras obter o seu beneplácito á concesión deste espazo durante 25 anos”, incidiu Lara Méndez.
A alcaldesa de Lugo fixo fincapé, así mesmo, noutra proposta que deu a coñecer estes días: a creación, nesta mesma contorna, dun parque castrexo - romano “para goce das familias, especialmente da infancia e a xuventude, que será un referente en Galicia, un lugar de encontro na natureza para vivir, compartir e difundir o legado patrimonial lucense e potenciar, deste xeito, o coñecemento da nosa historia”.
Xa con relación ás novidades do programa, a rexedora afirmou que activará o Plan Paseando Lugo cunha APP e guía que inclúe 21 rutas naturais coas que coñecer a riqueza paisaxística, cultural e histórica do municipio.
Vivir os barrios
”Pero ao mesmo tempo que queremos coidar e impulsar o fluvial, queremos tamén seguir vivindo os barrios. Farémolo coa execución de novos parques e a renaturalización dos espazos públicos en todos os puntos da capital, incluíndo as zonas que xa peonalizamos como Recatelo, para acadar áreas máis confortables e saudables, sendo proactivos na loita contra o cambio climático”.
”Impulsaremos un novo Cinto Verde interior da cidade, buscando a conectividade cos barrios a través de corredores verdes, planificación que xa elaboramos no marco da estratexia Life+Lugo +Biodinámica e, entre outras medidas concretas, transformaremos a actual Praza Roxa de Fingoi nun novo pulmón verde da cidade de 6.000 metros cadrados, que incluirá zona deportiva, un parque infantil cuberto e un 75% de zonas axardinadas con xogos de auga”.
Lara Méndez fixo referencia tamén a outro dos enclaves senlleiros de Lugo. As Costas do Parque, onde o seu Executivo creará un novo espazo verde, unha vez que finalice a derruba do Garañón, dando continuidade ao Parque de Rosalía de Castro que disporá, no actual almacén, dun centro de estudo.
“Ademais, abriremos ao público o o novo bosque urbano da Garaballa, de 19 hectáreas de terreo e crearemos 12.600 metros cadrados de novos espacios verdes e axardiñados preto do Impulso Verde, onde adquirirán especial protagonismo novidosos hortos comunitarios con usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos. Ao tempo que tendemos a man tamén para recuperar os Lagos de Teixeiro”, sinalou a mandataria lucense.
Méndez apuntou tamén melloras na Praza Maior, “mantendo a súa esencia e buscando unha maior accesibilidade” e, xa con relación, ao servizo de recollida de lixo, anunciou a posta en marcha dun plan de compostaxe, tanto no rural como na cidade, a nivel individual e colectivo, para o que se instalarán colectores orgánicos, alén de executar unha planta de gas para atender as necesidades do parque móbil municipal cuxa renovación se está a facer xa con vehículos de baixas emisións”, concluíu.