Lara Méndez anuncia a creación de novas infraestruturas deportivas
A rexedora mantivo esta tarde un encontro coas asociacións do sector e repasou tamén o investimento municipal nestes catro anos, que superou os 10.000.000 €, “para fortalecer, fomentar e apoiar a práctica deportiva”.
A rexedora lucense e candidata do Partido Socialista ás vindeiras eleccións municipais, Lara Méndez, mantivo un encontro coas Asociacións Deportivas da cidade.
Unha xuntanza, na que estivo arroupada polos edís do equipo de Goberno pero tamén polos integrantes da súa candidatura e na que a alcaldesa lucense tivo oportunidade de, alén de escoitar as necesidades e demandas do sector, expoñerlles tanto o traballo realizado neste mandato como as propostas que materializará no vindeiro.
Méndez referiu, así, que nos últimos catro anos, o seu Executivo investiu 10 millóns e medio de euros en crear e mellorar servizos e dotacións relacionadas co ámbito de deportivo e enumerou algúns exemplos como a cuberta da pista de tenis de Frigsa, a construción do Skatepark e do circuíto de Motrocross Jorge Prado, así como as melloras nos campos de fútbol, no pavillón municipal e nos polideportivos Daniel Cordido, Friga e O Palomar, no estadio Gregorio Pérez Rivera e nas piscinas climatizadas e de verán, alén da organización de numerosos eventos e a concesión de 3’4 millóns de euros en subvencións para a promoción do deporte local e o deporte base.
“O Deporte é hoxe un estandarte, un sinal de identidade de Lugo, que mobiliza a milleiros de lucenses e atrae á cidade a centos de miles de persoas ao longo de todo o ano ano. Da man do tecido asociativo, traballamos e traballermos polo Deporte cun forte compromiso e co firme convencemento do que os valores que inculca son un instrumento de cohesión social e territorial, unha práctica que fomenta os hábitos de vida saudable e tamén unha oportunidade para promocionar no exterior os nosos recursos e patrimonio histórico, cultural, medioambiental e gastronómico”, afirmou Lara Méndez.
Igualmente, a rexedora anunciou a súa vontade de o Concello lle dea continuidade ao esforzo realizado até o momento.
“Construiremos un novo pavillón polideportivo multidisciplinar e sostible - cuxo proxecto de redacción xa está en licitación - para atender a demanda da cidade, que poderá albergar, entre outras modalidades, a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton e ximnasia rítmica”.
”Tamén renovaremos as instalacións das Pedrerías e o campo do Polvorín e o sistema eléctrico do Pavillón Municipal dos Deportes e do Palomar, co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética. Reforzaremos as pistas polideportivas nos barrios, así como os campionatos de rúa coa axuda dos formadores dos clubs en distintas disciplinas e construiremos novas instalacións para os deportes urbanos”, asegurou.
Méndez apuntou tamén un incremento dos labores mantemento das instalacións deportivas existentes.
”Traballaremos para que a medio maratón Cidade de Lugo teña un circuíto homologado pola Federación Galega e Española de Atletismo co obxectivo de que se poida converter nun referente en canto ás súas marcas. Isto abriría a posibilidade de que Lugo albergase un gran campionato de ámbito estatal de medio maratón, porque co potencial dos e das lucenses as nosas aspiracións son sempre as máximas”, sostivo a rexedora.
“Tamén seguiremos potenciando a carreira Corre Nós como un referente do deporte galego e intensificaremos o fomento e o apoio a todas as disciplinas deportivas, e a todos e todas as deportistas, en calquera tramo de idade e en pé da igualdade. As nosas prioridades pasan por seguir promovendo Lugo como sede de eventos de primeiro nivel e do turismo deportivo e para iso fortaleceremos o apoio a todo o deporte base en todas as disciplinas, especialmente ao femenino”, engadiu.
Antes de rematar, a alcaldesa lucense avanzou que tamén se fomentará a práctica deportiva no rural para o que, entre outras medidas, daremos continuidade á celebración da Carreira Popular ‘Correndo polo Rural’ nas parroquias coa intención de consolidala”, concluíu Lara Méndez.