Lara Méndez anuncia en Lugo a posta en marcha de centros de atención 24 horas ás vítimas de violencia sexual

LugoXa
Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, apelou este luns á mobilización feminina nas urnas para “cambiar o desgoberno da Xunta e gañar o 18-F unha Galicia máis igualitaria e xusta socialmente, unha Galicia na que os nosos fillos e fillas atopen oportunidades laborais e non teñan que marchar, unha Galicia máis próspera porque os 15 anos do PP deixan tras de si unha perda na calidade de servizos, en emprego e en dereitos”.
foro_feminista_lara_mendez
13 Feb 2024

Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, apelou este luns á mobilización feminina nas urnas para “cambiar o desgoberno da Xunta e gañar o 18-F unha Galicia máis igualitaria e xusta socialmente, unha Galicia na que os nosos fillos e fillas atopen oportunidades laborais e non teñan que marchar, unha Galicia máis próspera porque os 15 anos do PP deixan tras de si unha perda na calidade de servizos, en emprego e en dereitos”.

Tamén recordou a importancia do voto feminino, xa que as mulleres “fomos as protagonistas o 23-J e a nosa forza freou unha coalición de dereita e extrema dereita que ameazaba os logros en igualdade que tantas lágrimas nos costou acadar, apostando por un goberno encabezado polos socialistas”. Para a socialista, agora temos unha nova oportunidade para “parar unha dereita como a de Rueda e Feijóo, que minte sen pudor, e que deixa unha Galicia na UCI en sanidade, dependencia, educación, industria e emprego”.

Reunida con mulleres do rural, do Foro Feminista, empresarias e emprendedoras e representantes de colectivos do terceiro sector e do movemento veciñal, Méndez, acompañada de Verónica Marcos, presidenta de Fademur, e Ana Abelleira, secretaria local do PSdeG-PSOE e concelleira de Igualdade en Lugo, avanzou que con José Ramón Besteiro de presidente da Xunta, “teremos un aliado en Lugo para darlle máis impulso e velocidade ao movemento feminista e a igualdade”. Tamén se comprometeu destinar 1 % do orzamento consolidado da Xunta ás políticas específicas de igualdade e contra a violencia contra a muller.

Xulgados de violencia de xénero

Así mesmo, avanzou que se recuperará o Instituto Galego da Muller, organismo público responsable da defensa da igualdade entre mulleres e homes, que foi “fulminado” polo PP no ano 2010, e que se activará un gran Pacto Galego pola Corresponsabilidade, implicando ao tecido social, sindicatos e patronal para priorizar a corresponsabilidade, porque a ausencia dela é unha das grandes causas da desigualdade entre mulleres e homes.

Con Besteiro, avanzou, elaborarase, en colaboración coa FEGAMP, unha estratexia para estender a rede de Centros de Información á Muller (CIM), camiñarase cara a abolición da lacra da prostitución e garantirase a creación de xulgados especializados en Violencia de Xénero en cada cidade de Galicia. Así mesmo, comentou “poremos en marcha de maneira inmediata e simultánea nas catro provincias galegas os centros de crise 24 horas de atención integral ás vítimas de violencia sexual, estendéndoo de xeito progresivo a todas as áreas sanitarias de Galicia e incorporaremos a educación afectivo – sexual no ensino regrado, con especial atención ao uso axeitado das novas tecnoloxías para avanzar na erradicación da violencia sexual, con especial atención á mocidade”.

0.1966769695282