Lara Méndez comprométese coa finalización do Plan Paradai

LugoXa
Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, reuniuse coa veciñanza de Serra de Meira para trasladarlles o compromiso adquirido publicamente por José Ramón Gómez Besteiro para finalizar o Plan Paradai cando sexa presidente da Xunta tras 15 anos de paralización absoluta desta actuación, primeiro por Feijóo e agora por Rueda e Elena Candia.
reunion serra de meira plan paradai1
29 Xan 2024

Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, reuniuse coa veciñanza de Serra de Meira para trasladarlles o compromiso adquirido publicamente por José Ramón Gómez Besteiro para finalizar o Plan Paradai cando sexa presidente da Xunta tras 15 anos de paralización absoluta desta actuación, primeiro por Feijóo e agora por Rueda e Elena Candia.

Méndez anunciou, así mesmo, que unha das primeiras accións en Lugo do próximo mandato socialista no Goberno galego será o arranxo da estrada de Serra de Meira, “que soporta un tráfico moi elevado e que, debido a iso e á falta de mantemento da que adoece dende hai moitos anos, se encontra tan deteriorada que compromete a seguridade da circulación”, sostivo, lembrando que “as peticións que lle realizamos á Xunta do PP tanto para mellorar a súa pavimentación como o saneamento caeron en saco roto”.

Nos últimos anos o único compromiso da Xunta do PP co Plan Paradai quedou circunscrito á inclusión nos orzamentos autonómicos anuais dunha partida que ronda o medio millón de euros e que nunca se chega a executar. “Mentiras e escusas á veciñanza do barrio, mentiras que se evidenciaron ademais nas declaracións de Candia ao confirmar xa claramente que o plan non era prioritario para a Xunta ao non obter réditos políticos e electorais, polo que ían desistir del”.

“Cansos de compromisos incumpridos, temos agora unha oportunidade con Besteiro se é presidente de acabar coa discriminación á que somete a Xunta ao barrio”, dixo Lara, quen destacou que o Plan Paradai leva xa 24 anos de percorrido administrativo “onde só o Concello e o Goberno central demos pasos para traballar na unión do Lugo separado pola vía do tren e humanizar a contorna da estación con novas vías e aparcamentos, xa que se trata dunha ordenación imprescindible que se necesita con urxencia”.

Neste senso, lembrou tamén que Concello e Confederación Hidrográfica están a traballar na conclusión do plan urbanístico que afecta a esta parte da capital e que atallará o risco de inundación do Rato cun investimento conxunto de 710.000 euros. "Con esta actuación erradicaranse os problemas provocados pola obra executada en 2015 pola Xunta sen a preceptiva autorización e que alteraron o comportamento e extensión da chaira de inundación do río, nas zonas adxacentes á glorieta de Serra de Meira, provocando un maior perigo de inundación das vivendas alí existentes con respecto á situación anterior", dixo.

0.16896104812622