Lara Méndez defende en Bruxelas o papel das administracións locais nas políticas europeas
A rexedora lucense foi convidada a participar no Foro UE-América Latina y el Caribe: socios para el cambio celebrado con motivo da presidencia española da Unión Europea.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, defendeu hoxe en Bruxelas a importancia do municipalismo como eixo transformador nos proceso de transición ecolóxica, desenvolvemento económico e igualdade de xénero nun foro que reuniu a decenas de actores sociais, colectivos vinculados coa cooperación internacional e rexedores de Europa, América Latina e Caribe, trasladando ás prácticas que está a desenvolver Lugo.
Méndez falou dos programa de igualdade postos en marcha polo concello, do impulso económico a través de iniciativas como o fondo inversor Lugo Transforma para reter e atraer talento e empresas para crear emprego de calidade, do traballo do CEi Nodus para o apoio aos emprendedores e sobre as iniciativas vinculadas ao deseño das cidades sostibles do futuro no que o municipio lucense é xa un referente europeo. Tamén destacou os programas de cooperación internacional, onde Lugo amosa a súa colaboración en tema de muller e infancia en varios países latinoamericanos.
A rexedora interveu na mesa redonda sobre “Gobernanza local e procesos de descentralización” organizada no contexto do “Foro UE-América Latina y el Caribe: socios para el cambio” que se está a celebrar ao longo destes días na capital belga con motivo da presidencia española da Unión Europea. Durante a súa exposición, Méndez, que foi convidada pola FEMP para ser a voz española neste foro, afondou sobre a necesidade de converter en políticas efectivas as directrices marcadas no contexto da UE.
“É necesario que o pensamento global sexa executado de forma local atendendo ás particularidades de cada territorio. Para iso é fundamental dotar as administracións máis próximas á cidadanía das competencias e recursos necesarios para que as políticas sexan efectivas e repercutan de forma directa na calidade de vida da veciñanza. Sen dúbida é o maior reto que afrontamos como gobernantes no futuro inmediato se queremos culminar con éxito o proceso de cambio no que nos atopamos inmersos a nivel europeo. Un obxectivo no que en Lugo levamos anos traballando ate chegar a converternos nun referente a nivel europeo para outras administracións que agora queren iniciar este proceso”, sinalou a rexedora.
Méndez, quen compartiu mesa redonda con representantes europeos, iberoamericanos e caribeños de administracións de países como Hungría, Paraguai, Xamaica, Costa Rica ou Brasil, destacou tamén a importancia da igualdade nos liderados das mulleres na toma de decisións dentro das administracións para garantir o éxito do proceso de transformación que se está a levar a cabo no continente. “O liderado das mulleres na toma de decisións é básica para poder construír un futuro igualitario no que todos e todas sintámonos representados”, concluíu a alcaldesa.
Unha vez rematado o simposio, os participantes subscribiron unha declaración conxunta na que recolleron diversas recomendacións para permitir unha maior participación dos gobernos locais no contexto da Unión Europea e Iberoamérica, así como unha distribución máis eficiente dos fondos para a cooperación e o desenvolvemento pala acadar unha cohesión social, económica e territorial máis efectiva. A declaración será elevada á próxima cume da UE-CELAC de Xefes de Estado e de Goberno que terá lugar en Bruxelas os vindeiros 17 e 18 de xullo.
Na axenda da rexedora en Bruxelas tamén se incluíu unha reunión co Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, con que falou do municipalismo e do encontro europeo que se celebrará en Lugo tras o verán para os retos demográficos.