Lara Méndez destaca Ribeira de Piquín como un “exemplo para os pequenos concellos”

“É necesario que o sector público participe na actividade económica para garantir servizos básicos, xerar emprego e fixar poboación”, sostivo a socialista
chao-pousadoiro-Ribeira-de-piquin
20 Apr 2025

A secretaria de Organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, eloxiou as iniciativas postas en marcha polo alcalde socialista de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, durante unha visita institucional ao municipio lucense.

Méndez cualificou estas medidas como “un exemplo para os pequenos concellos” na loita contra o despoboamento e a favor da dinamización do rural.

A visita enmarcouse nunha xornada de transferencia de boas prácticas na que participaron rexedores e rexedoras de diversos municipios asturianos, con quen Méndez e Fernández Rico compartiron unha completa axenda para dar a coñecer proxectos que buscan revitalizar a economía local e fixar poboación.

Durante o percorrido, a comitiva coñeceu de primeira man a recuperación da piscifactoría de Santalla, agora en funcionamento grazas á Fundación Municipal Terreo e ao apoio económico da Deputación de Lugo. Alí críanse troitas cun enfoque sustentable e de aproveitamento de recursos locais. Tamén visitaron o polígono agroecolóxico de Montefurado, centrado no cultivo de kiwis, e unha explotación de porco celta xestionada polo Grupo Operativo Forescelta.

Outro dos puntos destacados foi a antiga gasolineira do municipio, cuxa recuperación está en proceso, así como o encontro con membros da ONG Rescate e coas persoas refuxiadas que participaron nos últimos meses no seu programa de atención humanitaria.

Méndez puxo en valor estes proxectos impulsados dende o Concello como “unha mostra de compromiso real coa veciñanza e co futuro do territorio”, malia as dificultades que, segundo denunciou, teñen que afrontar os gobernos locais. “Moitas veces asumimos competencias impropias e sufrimos atrancos administrativos e burocráticos que dificultan o avance”, criticou. Neste sentido, sinalou á Xunta de Galicia, á que acusou de non facer uso dos instrumentos lexislativos dispoñibles para facilitar o asentamento de iniciativas no rural.

“A Xunta tería que estar potenciando este tipo de proxectos ou, polo menos, non poñer paus nas rodas. Insto ao Goberno galego a que asuma as súas competencias e promova estas iniciativas nos pequenos concellos”, reclamou.

Pola súa banda, o alcalde Roberto Fernández Rico subliñou que en Ribeira de Piquín “non se trata dunha aposta teórica, senón dunha realidade en marcha”, con proxectos activos que recuperan infraestruturas abandonadas e ofrecen novas oportunidades económicas.

Coincidiu con Méndez nas dificultades que afrontan os municipios máis pequenos, pero defendeu con firmeza o papel das administracións locais na reactivación do rural: “É necesario que o sector público participe na actividade económica para garantir servizos básicos, xerar emprego e fixar poboación”.

A xornada serviu tamén como experiencia de intercambio entre concellos integrados na reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, que comparten retos comúns ante o despoboamento e buscan fórmulas para revitalizar o medio rural.

⚙ Configurar cookies
0.19160795211792