X aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe nos actos de conmemoración do X aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti.
aniversario hula feijoo
4 May 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe nos actos de conmemoración do X aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti. A rexedora, aproveitou a súa intervención para enxalzar a traxectoria do HULA durante estes dez anos como centro sanitario de referencia para toda a provincia de Lugo.

Méndez comentou a adaptación que tivo o HULA xunto coa cidadanía da cidade para o contexto social no que nos atopábamos. Por iso, considera que a cidade de Lugo ten postas unhas grandes expectativas nel. “A cidade e a provincia poden presumir dun hospital con grandes profesionais que o están a situar nos máis altos estándares sanitarios, como o demostran os premios e recoñecementos que recibiu até o momento, o último deles, o Premio Nacional de Medicamento Século XXI á mellor atención hospitalaria”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa fixo referencia tamén ao camiño percorrido e non exento de dificultades e condicionantes.

“Pasos que se foron dando, logros que se conseguiron tamén co compromiso de todas as administracións - cada unha dende o seu eido de actuación - sumando esforzos nun traballo conxunto e baseado no entendemento, porque só a colaboración permite avanzar ao mundo. Coma a que durante todo este ano – abondou a rexedora -, tráxico pola chegada da Covid, mantivemos coa área sanitaria, dando apoio – cando así se nos solicitou como administración local – na realización de cribados ou no seguimento ás e aos pacientes. E neste caso, quero personificar tamén a nosa gratitude, na figura do xerente, Ramón Ares, por manter aberta, sempre e en todo momento, esa canle informativa e de cooperación”.

Méndez quixo trasladar tamén “como alcaldesa de Lugo e, polo tanto, en nome de toda a veciñanza, a nosa inmensa gratitude polo labor que nestes últimos meses desenvolvéchedes dende todas as áreas do HULA. A todo o persoal, sanitario e non sanitario, polo inxente e magnífico traballo realizado o que pon de manifesto, a vosa valía. Non cabe dúbida de que estamos a atravesar unha das etapas máis complexas da nosa historia recente, que esixe tamén unha resposta asistencial sen precedentes. Acabamos de vivir unha situación de emerxencia sanitaria de primeiro orde mundial que agora abre paso tamén a outra, non menos preocupante, de crise económica e social”.

“Un escenario cambiante onde, cada día que pasa, persiste a incertidume polo devir que pode trazar a pandemia. Mais nestas circunstancias de loita contra o descoñecido, o papel que leváchedes a cabo e que aínda desempeñades as e os profesionais sanitarios, ao igual que todo o persoal que permite que eses servizos que prestades estean sempre a punto, nos aporta non só confianza senón tamén moitas doses de esperanza”, sostivo a alcaldesa de Lugo ao tempo que lles agradeceu a súa entrega, implicación e sacrificio.

0.18488097190857