Lara Méndez garante unha atención "sen discriminacións" do 061

LugoXa
Méndez reuniuse con representantes do 061 e asumiu as súas demandas de incrementar en dúas as ambulancias “cando gobernemos na Xunta, xa que en Lugo, co PP á fronte, foi o único municipio que non se reforzou desde a súa creación”.
reunion lara mendez 061
24 Xan 2024

Méndez reuniuse con representantes do 061 e asumiu as súas demandas de incrementar en dúas as ambulancias “cando gobernemos na Xunta, xa que en Lugo, co PP á fronte, foi o único municipio que non se reforzou desde a súa creación”.

Lara Méndez, candidata por Lugo polo PSdeG-PSOE, alertou da desprotección da veciñanza lucense por parte da Xunta de Galicia na atención dos servizos de urxencias do 061, xa que a escaseza de ambulancias, cuxo número se mantén igual desde a creación do servizo hai máis de 15 anos, sitúa a Lugo como o municipio e zona de influencia con menos recursos de toda Galicia. De feito, é o único que non se reforzou de toda a comunidade autónoma.

A candidata, que mantivo un encontro con efectivos do 061, destacou que os recursos cos que conta Lugo e os seus arredores (que abarca unha poboación de 135.000 habitantes de Lugo, Portomarín, Friol, Guntín, Rábade e Outeiro de Rei) se reduce a tres ambulancias (unha medicalizada e dous asistenciais), as mesmas que Ferrol coa metade de habitantes (63.890 habitantes). O resto dos concellos como Santiago (98.179 habitantes), Pontevedra (82.535 habitantes) ou Ourense (103.756 habitantes) contan con máis vehículos, catro ambulancias, para menos poboación.

“Esta rede de transporte sanitario urxente de Lugo cubre tamén ao resto da provincia cando se lle require, así como ás chamadas de traslado desde hospitais privados ao HULA”, sostivo Méndez, que lembrou que, ademais, debe terse en conta a dispersión xeográfica lucense.

A candidata comprometeuse a que cando José Ramón Besteiro sexa presidente “se acabará coa discriminación que sofre Lugo por parte da Xunta do PP nun servizo que supón en moitas ocasións a vida ou a morte dunha persoa polo que apoiaremos que se incremente o número de ambulancias de tres a cinco, dous máis das actuais, unha asistencial e unha sanitarizada”.

Ao problema de falta de recursos, xúntase a mala situación das ambulancias asistenciais nas Gándaras xa que cada vez que saen con chamadas urxentes deben ir antes a buscar a un médico ao CIS da Residencia, polo se incumpren por sistema os tempos de resposta, que non deben nunca sobrepasar os 10 minutos.

0.21488690376282