Lara Méndez informa dos avances para mellorar o reparto desde unha plataforma loxística
A alcaldesa de Lugo e candidata socialista sostivo que estuda xa o punto fixo de distribución e as axudas europeas para a súa creación e compra de vehículos eléctricos.
A alcaldesa de Lugo e candidata socialista, Lara Méndez, comunicoulle aos distintos representantes do sector da distribución os avances para mellorar o reparto de mercadoría no centro histórico a través dun proxecto de plataforma loxística permanente de carga e descarga, que se habilitaría unha vez finalicen as obras de peonalización do Corazón Verde.
Méndez destacou que o obxectivo é que desde ese punto permanente de almacenaxe “que podería situarse no mesmo centro histórico, porque existen zonas adecuadas que xa estamos estudando, ou ben nas inmediacións, e falamos da zona da Ronda, a distribución se realice a través de vehículos eléctricos de xeito que se poidan acompasar as necesidades dos comercios e da hostalería e dos seus provedores co coidado do patrimonio e coa zona de baixas emisións”.
Neste sendo, a rexedora e candidata, destacou que este é un proxecto no que se traballa xa man a man cos empresarios e prometeu continuar coa interlocución directa e continúa co sector da distribución que mantén agora para adaptar este proxecto ás distintas necesidades dos distintos distribuidores, que lle explicaron as distintas casuísticas no seu día a día.
O Concello está pendente das convocatorias dos fondos europeos para esta transformación, tamén distribución loxística, porque se busca financiar o proxecto e os vehículos eléctricos a través dos Next Generation, “xa que o cambio de mobilidade, a creación de zonas de baixas emisións e a transición ecolóxica son algúns dos obxectivos prioritarios que persegue”, incidiu Lara Méndez.
As obras que permitirán a peonalización integral do centro histórico ten como data de remate finais do 2024, “polo que temos ano e medio de traballo para adaptarnos ás novas necesidades, e debemos facelo con escoita activa dos sectores implicados, neste caso cos distribuidores”.