Lara Méndez invita a Rueda a visitar Lugo para tratar os proxectos pendentes

LugoXa
Transcorrido ano e medio dende o seu nomeamento como presidente da Xunta e a piques de cumprírense 12 meses da única xuntanza institucional que Lara Méndez e Alfonso Rueda mantiveron ata a data, a rexedora lucense vén de remitirlle nunha nova carta ao dirixente autonómico apelándoo a celebrar unha segunda reunión “dende o máximo sentido da responsabilidade e en base á colaboración que ambas as institucións se deben en prol do interese xeral”.
encontro rueda lara mendez javier arias
13 Out 2023

Transcorrido ano e medio dende o seu nomeamento como presidente da Xunta e a piques de cumprírense 12 meses da única xuntanza institucional que Lara Méndez e Alfonso Rueda mantiveron ata a data, a rexedora lucense vén de remitirlle nunha nova carta ao dirixente autonómico apelándoo a celebrar unha segunda reunión “dende o máximo sentido da responsabilidade e en base á colaboración que ambas as institucións se deben en prol do interese xeral”.

“Nese primeiro e único encontro oficial que compartimos ate o momento, ambos os dous amosamos a nosa disposición de afrontar, dende a lealdade e o esforzo compartido, o futuro da cidade de Lugo e confío en que esa sintonía de cooperación e bo entendemento perdure e se faga aínda máis estreita coa finalidade de que todos os compromisos adquiridos nesa reunión se cumpran, por fin, e poidamos seguir avanzando na mellora do municipio e da calidade de vida da súa veciñanza”, indicaba Méndez na súa misiva.

Un obxectivo que, a alcaldesa de Lugo afirma, non pode considerarse trivial, porque son moitos os proxectos que agardan do impulso autonómico para materializarse, “pero podes ter a seguridade de que dende o Concello contribuiremos en todo canto estea na nosa man para acadar a súa consecución”, referiu en alusión a reclamacións que son xa históricas na localidade e que gardan relación con infraestruturas pendentes, tanto na capital como na zona rural, pero tamén coa mobilidade ou a protección da cultura e do patrimonio e que teñen os seus máximos expoñentes no Plan Paradai, na zona pública de baño, na implantación da rede de abastecemento e saneamento nas parroquias, na Rolda Leste ou no Museo da Romanización.

“Cómpre, por tanto, avaliar o esforzo realizado neste último exercicio e planificar a abordaxe de todas as necesidades que se están a perpetuar no tempo para acompasar a súa resolución coa atención das novas demandas que xorden da man da ambiciosa transformación que estamos levando adiante na cidade”, sostivo Lara Méndez.

A mandataria lucense incidiu en destacar o liderado de Lugo, que coas súas políticas proactivas na loita contra o cambio climático está a exercer como modelo de urbe media europea á vangarda da sostibilidade. “Unha liña de actuación na que se basea tamén o noso crecemento económico e competitividade territorial, inspiradora, sen dúbida, das últimas medidas que ti mesmo anunciaches como motor de desenvolvemento para a Galicia dos vindeiros anos”, afirmou.

“Moi satisfeitos de ser, por tanto, tamén un referente comunitario, non se entendería, senón, que de xeito imperativo, camiñemos da man e retomemos todos eses proxectos comprometidos e aínda inconclusos que nos permitirán afrontar con maiores ferramentas os desafíos que nos agardan e prosperar como cidade, como provincia e como país”, asegurou Méndez.

Antes de concluír, a alcaldesa quedou a disposición do presidente galego para recibilo na Casa Consistorial, “a que é de todos e todas as lucenses, e manter nela este segundo encontro que sería unha honra iniciar coa túa sinatura no Libro de Ouro do Concello, un aceno de cortesía que agardamos, gustes aceptar”, finalizaba a rexedora.

0.16893291473389