Lara Méndez lamenta que as necesidades de Lugo “nunca estiveran na axenda de Feijóo”

LugoXa
A rexedora lucense critica os escasos avances feitos durante o mandato de Feijóo nos proxectos da cidade de Lugo
Encontro entre Lara Méndez e Alberto Núñez Feijóo
2 Maio 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizou hoxe un balance do paso do xa ex presidente Núñez Feijóo pola Xunta de Galicia, lamentando que “deixe as mesmas expectativas de hai unha década no municipio”.

“Un mandato ruinoso par acon Lugo”, denunciou a rexedora, “que se traduce en que dos 54 millóns de euros anunciados, só están en marcha algunhas das actuacións previstas na Residencia, en obras dende o ano 2019”.

Así, Méndez sinalou algunhas das débedas históricas que aínda perviven na capital como a Rolda Leste, o Plan Paradai ou o Museo da Romanización, “mostra do déficit de compromisos que o señor Núñez Feijóo mantén na nosa cidade á súa marcha”. Lara Méndez aproveitou tamén para instar ao seu sucesor “a compensar eses agravios e a acompañar os próximos anuncios que faga de consignación oficial e non só de postas en escena, que é ao que nos teñen acostumados”.

Neste senso, a rexedora aproveitou, alén, para convidar a Alfonso Rueda a facer un maior esforzo nas competencias propias, “xa que nestes anos de crise fomos os Concellos os que, xunto á factura COVID, as estivemos a asumir practicamente en soidade e ás bravas”, sinalou.

Á vista dos feitos, a rexedora cualificou de lamentable que “mentres o PP local non soamente non defendeu nunca os intereses de Lugo ante Feijóo, agora se permita criticar unhas contas municipais nas que o gasto corrente se incrementou, precisamente, para poder paliar as consecuencias da crise, suplindo os menosprezos da Xunta incluso naquelas materias que lles corresponden. Cartos que, de non ter que destinar a estes fins, nos poderían servir para ampliar as prestacións municipais ou proxectar iniciativas novas”.

20 anos do Plan Paradai

Pola contra, Méndez repasou a herdanza que, “un tras outro”, van deixando os dirixentes do Partido Popular na cidade, “onde acumulamos 20 anos de paralización do Plan Paradai e outros tantos os que levamos agardando tamén polo Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando”.

“En 13 anos, o señor Núñez Feijóo non foi quen de inaugurar nada en Lugo. O único que podería asinar como seu sería o novo Auditorio, un inmoble que entregou nun estado tan deficitario que nos obrigou ao Concello a ter que realizar unha posta a punto previa á súa apertura para que esta sexa segura. Un magnífico legado do que agora toma as rendas Alfonso Rueda, veremos se con capacidade para emendalo”, concluíu a alcaldesa.

0.19952607154846