Lara Méndez pide o apoio da Xunta para que a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública esté en Lugo
A Alcaldesa lucense, Lara Méndez, insta á Xunta de Galicia e ao presidente Alfonso Rueda a que apoie de xeito claro a proposta de Lugo como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública, “amosando un compromiso explícito neste sentido tras rexeitar o PP Local no último Pleno municipal que a Xunta lidere o proceso, tal e como lle propuxemos e como lle corresponde”.
Segundo a rexedora, o PP non se toma en serio a consecución desta Axencia, “aínda que son sabedores de que que a aposta do Concello en solitario, que é polo que avogan, non tería sentido sen a implicación clara da Xunta xa que as competencias en saúde pública son autonómicas e non municipais. Por iso – incidiu - veño de remitirlle hoxe mesmo unha carta a Rueda, tal e como prometín no Pleno, para solicitarlle o seu apoio”.
A rexedora confía en que o Goberno galego, que xa anunciou que quere que Galicia acolla a Axencia, “acepte a man que lle tendemos para traballar conxuntamente en favor de Lugo”.
Neste sentido, indicou que “coa responsabilidade que caracteriza ao meu Executivo, que non se move segundo ocorrencias nin improvisacións, senón con seriedade e rigor, solicitamos o apoio expreso da Xunta a Lugo como sede, ratificándoo nun Consello da Xunta. Así mesmo, propoño crear unha comisión onde estean presentes o Concello e a Xunta, pero tamén aquelas institucións ou organismos que poidan aportar análise e estudo, co fin de preparar de maneira coordinada a candidatura”.
Lara Méndez sostén que “canto antes poidamos conformar este equipo de traballo, antes estaremos en disposición de dar resposta aos posibles condicionantes que recollerá o regulamento do Ministerio para a localización desta sede”.
Neste sentido, lémbralle a Rueda a conversa que mantiveron o pasado luns, na que lle adiantou que, “como Alcaldesa de Lugo, primo sempre a defensa dos intereses desta cidade e as solucións aos desafíos presentes e futuros, polo que son e serei proactiva ante calquera posibilidade que permita que sexamos sede de organismos e centros estatais que nazan con vocación de excelencia pública e de ser referentes nacionais, e incluso internacionais”.
Así foi, destacou, co Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, “que conseguimos no 2020 para Lugo da man do actual ministro de Agricultura, Luís Planas, de enorme importancia xa que a produción vexetal supón o 60% do total da rama agraria (agricultura e gandaría), tan importantes para o noso municipio, Galicia e o resto de España”.