Lara Méndez presenta unha fonda reorganización no goberno local
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a nova organización do goberno local, trala dimisión de Miguel Couto como concelleiro de Urbanismo Sostible. Trátase dunha fonda reorganización -da que só se libra a área de Gobernanza que segue con Paula Alvarellos á fronte- e que a rexedora dixo aproveitar para "reenfocar e reforzar as áreas municipais que atenden aqueles colectivos máis afectados pola crise social e económica derivada da pandemia".
O primeiro cambio do equipo de goberno chega coa entrada da profesora Silvia Alonso como substituta de Miguel Couto. A docente da Facultade de Humanidades, que tomará posesión como concelleira nun pleno extraordinario convocado para o xoves día 15, será a responsable da área de Igualdade e Muller.
A área de Desenvolvemento Local Sostible, constituída polas concellerías de Medio Ambiente, Urbanismo Sostible e Desenvolvemento local e Emprego, desaparece como tal e reconvértese en área de Sostenibilidade Urbana. Encargarase de Urbanismo e de todo o relacionado co desenvolvemento da empresa pública de Evislusa. Estará á fronte da mesma o edil Alvaro Santos, que deixa así a concellería de Medio Ambiente.
Créase ademais a Área de Cohesión Territorial, da que se fará cargo o edil Miguel Fernández, que manterá as competencias de Medio Rural e asume as de Medio Ambiente, “concellerías clave para esta cidade, que aposta de maneira decidida por desenvolver políticas públicas contra o cambio climático”, explicou a alcaldesa.
A Área que máis se reforza é a de Cohesión e Dinamización Social, na que se integran as consellerías de Desenvolvemento Local e Emprego, con Ana González Abelleira á fronte; Xuventude e Deportes, da que se ocupará o edil Mauricio Repetto; Benestar, Inclusión e Maiores, que manterá a Olga López Racamonde como responsable; e Igualdade e Muller, que pasará a ocupar Silvia Alonso.
A rexedora valorou “a experiencia e as capacidades dos concelleiros e concelleiras" como a "mellor garantía para o desempeño do seu traballo como servidores públicos”. A estes criterios, “que son os que conformaron xa o primeiro equipo de goberno”, súmanse agora -dixo- as novas necesidades dos colectivos máis afectados pola pandemia, “que fomos detectando en todos estes meses nos que traballamos inmersos na dureza das consecuencias da covid, e aínda que xa activamos numerosas medidas para palialos, nos queda moito camiño por andar na procura de vías para saír reforzados”.
Os cambios, que Lara Méndez comunicou ao tenente de alcalde nacionalista Rubén Arroxo antes de presentalos publicamente, serán efectivos a partires da semana que vén.