Lara Méndez presenta ao Goberno do Estado a estratexia Lugo Transforma

LugoXa
Méndez presenta o Lugo Transforma ao Goberno e esperta o seu interese por habilitar instrumentos que permitan aproveitar os fondos europeos
Lara Mendez Lugo Transforma Moncloa
11 Xul 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou a súa última estancia en Madrid para entrevistarse co Xefe da Unidade de Seguimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Santiago Fernández Muñoz e co Vogal Asesor, Andrés Montero.

“Un encontro moi produtivo”, tal e como cualificou Méndez, no que a rexedora, alén de dar conta dos fitos que van cumprindo os proxectos locais que obtiveron fondos europeos para a súa execución, presentou tamén a Estratexia Lugo Transforma espertando o interese do Goberno central por habilitar instrumentos financeiros que, ao abeiro das novas partidas que inclúen os Next Generation, permitan impulsar iniciativas similares á lucense.

“Lugo vén sendo pioneiro no artellamento de medidas de recuperación económica. Fomos os primeiros de todo o país en deseñar e poñer en marcha as axudas directas ao tecido produtivo cando se declarou o Estado de Alarma pola pandemia e o estamos a ser agora tamén con este fondo de capital de risco ao que toda colaboración é benvida co principal obxectivo de sumar esforzos para establecer as bases do noso crecemento industrial e empresarial con perspectivas de futuro”, sinalou Lara Méndez.

Durante a xuntanza, a alcaldesa tivo oportunidade de trasladarlle a Santiago Fernández Muñoz o avance que está a seguir a concreción do Plan de Acción da Axenda Urbana ou a peonalización do Centro Histórico e a creación dunha Zona de Baixas Emisións dentro do denominado Zero: Corazón Verde.

“A conversa permitiunos poñer en común as dificultades que temos as diferentes Administracións para poder sacar adiante as licitacións, debido ao complexo contexto actual no que nos atopamos e do que derivan problemas de abastecemento e encarecemento dos materiais. Pero ao mesmo tempo puidemos visualizar a capacidade de xestión que ten o Concello de Lugo á hora de asumir estes procedementos con éxito o que se constata no elevado grao de cumprimento das esixencias que impoñen estas subvencións como así se está a demostrar nos programas Dusi ou o Life Lugo + Biodinamico, onde xa temos recibido diversas felicitacións internacionais ao respecto”, engadiu a rexedora.

Méndez incidiu, así mesmo, na importancia de contar co apoio do Executivo estatal para o resto de iniciativas que agardan a inxección económica do Plan de Recuperación, nomeadamente os solicitados para impulsar na Fábrica da Luz un centro de enogastronomía e para rehabilitar o Cuartel de San Fernando como futura sede do Museo da Romanización de Galicia e do Noroeste Peninsular, “este último é para nós unha auténtica prioridade e un obxectivo irrenunciable, fundamental na posta en valor da nosa historia e do patrimonio local pero tamén como polo de atractivo turístico, xerme de riqueza e de dinamización económica para todo o municipio”, asegurou a alcaldesa na Moncloa.

0.20023822784424