Lara Méndez presentou aos responsables das áreas de goberno socialistas
Paula Alvarellos será ademáis da portavoz, a delegada da área de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos; Miguel Fernández asumiráTransición Ecolóxica e Impulso Rural; Mauricio Repetto coordinará Dinamización Económica e Ana Abelleira Cohesión Social. Olga López continuará á fronte da concellería de Benestar Social, Pablo Permuy se encargará de Economía e Recursos Humanos e Jorge Bustos de Xuventude e Deporte.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou onte á tarde a organización de áreas de Goberno que xestionarán as e os concelleiros socialistas.
Unha estrutura que, posteriormente, quedará recollida no Decreto de Organización Municipal xunto ao resto de aspectos que atinxen ao funcionamento do Concello con relación ás competencias que ten asignadas cada un dos membros que conforma o Executivo.
“Una organización que obedece á necesidade de respostar, dende a Administración pública, con eficacia e eficiencia ás necesidades da cidadanía e acadar que a Institución sexa o máis operativa e próxima posible”, sinalou a rexedora.
Deste xeito, Lara Méndez, quixo aproveitar os perfís profesionais das e dos integrantes do seu equipo, “persoas cunha dilatada traxectoria profesional en ámbitos de xestión que agora poderán aplicar os seus coñecementos para, da man do funcionariado, mellorar a organización interna, os procedementos administrativos e a actividade e as prestacións e servizos municipais, pero tamén concelleiros e concelleiras que gozan xa de certa experiencia e coñecemento das áreas que queremos aproveitar para darlle continuidade ao traballo feito ata agora co fin de reforzar os obxectivos conseguidos, pero tamén acadar os novos que xa estamos proxectando”, afirmou a alcaldesa.
Así, a rexedora definiu cinco áreas moi concretas: Alcaldía; Transición Ecolóxica e Impulso Rural; Sostibilidade Urbana e Recursos Internos; Dinamización Económica e Cohesión Social.
E, a continuación, debullou a súa composición e titularidade.
“No meu cargo como alcaldesa ocupareime da coordinacion executiva e supervisión directa dos Proxectos Estratéxicos de Transformación da Cidade, así como da Axenda 2030, dentro do que se inclúen as estatexias de xestión dos fondos europeos, o goberno municipal e a organización dos servizos administrativos e relacións institucionais con todo tipo de organismos ou entidades públicos e privados, incluíndo as actuacións de carácter protocolario”, anunciou.
Corresponderán a esta área tamén, como xa o fixeron neste mandato, os órganos directivos da Secretaría de Pleno, o Órgano de apoio á Xunta de Goberno Local, a Asesoría Xurídica, a Intervención Xeral e a Secretaría da Administración Municipal.
Área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural
Comprende as concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural e afrontará a coordinacion executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coas materias de protección do medioambiente e cambio climático, “eixo vertebrador da nosa acción política e bandeira e signo de identidade deste Concello”, sinalou. Inclúe, así mesmo, a xestión enerxética eficiente; a de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria; parques e xardíns e zonas verdes; o Plan especial de protección do río Miño(PEPRIM); a vixilancia do acondicionamento de espazos libres de maleza; a xestión integral do ciclo da auga e as súas redes; a conservación, limpeza e obras ordinarias en vías públicas e as infraestructuras do ámbito rural.
O seu titular será o tenente de alcaldesa Miguel Fernández.
Área de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos
Atenderá á coordinacion executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coa, entre outros, ordenación e xestión urbanística e execución do planeamento urbanístico; a intervención na regulación do mercado do solo e xestión do patrimonio municipal do solo; as actuacións de disciplina urbanística; a conservación e protección do patrimonio histórico-artístico; o fomento da conservación e rehabilitación das edificacións; as actuacións de arqueoloxía para preservación do patrimonio, así como a contratación local, o patrimonio municipal e o fomento de actividades de interese público.
A delegada de área será a tenenta de alcaldesa Paula Alvarellos.
Dentro desta área, atópase tamén a Concellería de Economía e Recursos Humanos coas funcións de xestión e xeración de recursos económicos; contabilidade; tesourería e recadación; facenda local e xestión e inspección tributaria; alén da xestión de persoal ao servizo da Corporación Local.
O encargado de dirixila será Pablo Permuy.
Área de Dinamización Económica
Comprende o fomento e promoción da actividade económica; o fomento e promoción do comercio; a formación e fomento do emprego; as estratexias xerais de desenvolvemento local e os festivais musicais e de artes para ese mesmo obxectivo de desenvolvemento local, como pode ser o Caudal Fest.
O tenente de alcaldesa Mauricio Repetto será o delegado desta área.
Nela tamén se inclúe a Concellería de Xuventude e Deportes entre cuxas responsabilidades figuran os servizos e actuacións que teñan que ver coa mocidade; a prevención das drogodependencias; a Casa de Música; as actividades de dinamización económica da xuventude, actividades, instalacións e equipamentos deportivos así como o fomento do deporte e, ao igual que agora, o Arde Lucus.
“Sempre dixemos que a nosa mocidade é para este Goberno moito máis que espazos de lecer e socialización. Son un dos nosos patrimonios máis importantes, posuidores do talento no que Lugo ten fixado o seu horizonte e por iso a promoción de hábitos de vida saudables ou a creación de dotacións á medida das súas necesidades son algunhas das premisas desta concellería pero tamén o é a formación e a xeración de oportunidades laborais para todas e todos eles”, sostivo a rexedora.
Jorge Bustos será o edil desta concellería.
Área de Dinamización Social
Nela se integrará a promoción e atención á muller, á igualdade e á diversidade en todos os eidos; as organizacións non gobernamentais; as minorías étnicas e inclusión social; a emigración e inmigración, os centros de dinamización rural e a dinamización e promoción sociocultural.
A tenenta de alcaldesa Ana González Abelleira será a delegada desta área.
Incluída na mesma se atopa, asemade, a Concellería de Benestar Social e Maiores á que corresponde a prestación dos servizos sociais e comunitarios, as instalacións e equipamentos de carácter social; a intervención na adxudicación das vivendas sociais; os pisos de emerxencia social; o voluntariado social; os centros de convivencia, Fogar do Transeúnte e Casa Domótica, dos que se fará cargo Olga López Racamonde.
“Son, como vedes, áreas que, na súa maioría, dan continuidade á liña xa trazada durante os dous mandatos anteriores, cunha definición moi concreta das competencias pero tamén moi determinadas pola transversalidade e o apoio que, dende distintos departamentos, se poden dar para traballar sumando esforzos en todas aquelas materias que son unha preocupación para a cidadanía ou que inflúen no seu benestar”, salientou Lara Méndez.
Antes de rematar, a alcaldesa anunciou, igualmente, que a portavoz do Goberno local será Paula Alvarellos.