Lara Méndez propón colaborar co COAG para axilizar as licenzas
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuníuse hoxe coa presidenta do Colexio de Arquitectos de Lugo, Carmen Figueiras para presentarlle a nova instrución ditada polo Coordinador de Urbanismo que, dende o pasado 18 de abril, permite aos promotores de obra maior, iniciar a tramitación da licenza presentando só un proxecto básico.
Esta medida nace do Executivo local coa vontade de axilizar a tramitación burocrática das licenzas.
Asemade, Méndez propuxo á presidenta do Colexio explorar novas vías de colaboración entrámbolos dous organismos para que esa cooperación “redunde na celeridade dos procedementos administrativos”.
A rexedora, entre outros asuntos, prantexou a posibilidade de que o COAG actúe como colaborador da Institución local; coa posibilidade de que o Colexio realice un Informe de Idoneidade Técnica e Urbanística que acredite que o proxecto de execución concorda coas indicacións técnicas validadas no primeiro.
Para que o Colexio estea habilitado para realizar este trámite, o Concello artellará unha Comisión de Seguimento e outra de tipo Técnico Mixta. Nesta última, quedarán determinados os requisitos ou aspectos técnicos e urbanísticos que deben figurar no informe “de xeito imperativo”. Esto posibilitará, ademáis que o Concello poida avanzar, con maior dilixencia na resolución dos procedementos, permitíndolle centrar a súa función nun labor “máis fiscalizador ou inspector orientado a verificar a conformidade da obra coa licenza outorgada”.
“Pasaríase, así, de ter que presentar o proxecto básico e o de execución simultaneamente, recaendo toda a capacidade de revisión e contraposición normativa nos técnicos municipais, a poder outorgar aos particulares a licenza da obra só co proxecto básico, sempre que este cumpra cos requirimentos esixidos”, explicou Lara Méndez.
Unha proposta que, segundo a rexedora, foi ben recibida por parte da presidenta dos arquitectos lucenses e na que ámbalas dúas dirixentes afondarán nos vindeiros días co ánimo de perfilala e poñela en marcha para acompasar o traballo conxunto dos técnicos e profesionais das dúas organizacións.