Lara Méndez propón un proxecto turístico na Fábrica da Luz

LugoXa
A rexedora de Lugo, Lara Méndez, anunciou que impulsará un proxecto turístico baseado na enogastronomía que se instalará na Fábrica da Luz.
lugo fábrica da luz
7 Maio 2022

A mistura entre viños e comida chegará aos fondos Next Generation. Así o informou a rexedora de Lugo, Lara Méndez, quen anunciou que recorrerá a estes fondos europeos para impulsar, dende o Concello, un proxecto baseado na enogastronomía. Un factor que tildou de “prioritario” nas políticas turísticas do Goberno central e do autonómico.

Lugo é un destino “que baseou o seu crecemento en tres piares esenciais que tamén teñen contribuído a posicionala”, dixo Méndez. A rexedora sinalou a historia, a gastronomía e a natureza como estes eixos principais.

“O obxectivo é alcanzar segmentos de visitantes que valoren ese bo comer que nos caracteriza como un elemento motivador da viaxe, ofrecendo reclamos patrimoniais e paisaxísticos, e que esa tríade sexa o fundamento do modelo de turismo sostible e de calidade que nos defina nos vindeiros anos”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez avanzou tamén que, dentro dos eixes previstos na convocatoria dos Fondos Europeos e encamiñados a favorecer a transición verde, o Goberno local pretende recuperar na ribeira do Miño o edificio da Fábrica da Luz como un centro de enogastronomía.

“A intervención se encadrará na envolvente do inmoble e na utilización de elementos pasivos para adaptar a construción ao cambio climático, que posteriormente poderá ser xestionada a través dunha colaboración público – privada”, sinalou.

Do mesmo xeito, dáraselle pulo aos produtos de proximidade, con actuacións de obtención de recursos en entornos locais e contará, igualmente, cunha vertente expositiva, como sempre mantivemos, dentro da cal terá moito protagonismo o percorrido histórico da contorna”, revelou a alcaldesa. Méndez debullou que o proxecto contemplará outras accións vencelladas á eficiencia enerxética coas que se pretende fomentar o uso da mobilidade eléctrica, establecer sinerxías con pemes do sector turístico e mesmo ofrecerlles formación e asesoramento.

“E todo iso, en prol de incrementar a nosa competitividade e en consonancia coas esixencias do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos”, relatou Méndez.

A este respecto, a rexedora trasladou que o Concello activará un proceso de participación cidadá para recoller o sentir da veciñanza lucense e do tecido asociativo, coa intención de avaliar as súas suxestións para perfilar a proposta definitiva coa que a Administración local concorrerá a estas axudas.

“As persoas ou entidades interesadas en participar poden acceder a este cuestionario a través da páxina web municipal para trasladarnos as súas opinións. Suxestións que recolleremos e que serán estudadas para analizar a súa viabilidade", concluiu a rexedora.

0.20470094680786