Lara Méndez reclama en Adai máis investimento para a conservación do patrimonio lucense

LugoXa
“É necesario que a Administración autonómica invista en Lugo para investigar e conservar o noso patrimonio histórico que é o patrimonio de todos os galegos e galegas”, sinalou a alcaldesa.
circulo litico escavacion adai lugo
9 sep 2023

“É necesario que a Administración autonómica invista en Lugo para investigar e conservar o noso patrimonio histórico que é o patrimonio de todos os galegos e galegas”, sinalou a alcaldesa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou o xacemento arqueolóxico do Círculo Lítico de Adai onde mantivo un encontro co equipo técnico para coñecer de primeira man a situación na que se atopan os traballos e constatar a importancia que atesoura esta escavación cuxa orixe atópase na Idade de Bronce. A rexedora mostrou o seu compromiso por acadar que as investigacións poidan continuar e comprometeuse a traballar para que a zona acade canto antes a máxima protección legal. “É necesario que a Administración autonómica invista en Lugo para investigar e conservar o noso patrimonio histórico que é o patrimonio de todos os galegos e galegas”, sinalou a alcaldesa.

Tras a súa visita, a rexedora anunciou que o Goberno local impulsará ante a Xunta que a zona poida ser catalogada axiña como BIC para acadar a máxima protección legal e blindar así o seu potencial científico, histórico e divulgativo. “Para acadar ese recoñecemento é necesario que os traballos poidan continuar e para iso é necesario financiamento. O investimento en investigación é o único camiño para que este tipo de achados poidan chegar a desenvolver todo o seu potencial científico, histórico e divulgativo, con todas as repercusións culturais e económicas que a posta en valor do noso rico patrimonio implica para os e as lucenses”, apuntou Méndez.

“É significativo que o compromiso da Xunta pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico galego limítase unicamente a un investimento esporádico de a penas 850.000 euros para só 40 xacementos que se centra basicamente en realizar labores ordinarias, pero que a todas luces é insuficiente para desenvolver o potencial de xacementos como o do Círculo Lítico de Adai, no que, tan só co 5% escavado, pode constatarse que nos atopamos ante un achado extraordinario. Nos próximo días poñereime en contacto coa Consellería de Cultura para intentar que asuma a súa responsabilidade coa cidadanía lucense e estea en disposición de financiar a continuidade destes traballos sen demorarse no tempo” concluíu a rexedora.

0.38822507858276