Lara Méndez reclama un Plan de Rescate para as pallozas prerromanas do Piornedo

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, visitou O Piornedo xunto co alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, onde anunciou unha serie de iniciativas presentadas ao Parlamento para esixir á Xunta a posta en marcha dun Plan de Rescate das pallozas prerromanas.
Méndez instou ao goberno galego a coordinar coa Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes un plan inicial de dous anos de duración, cun investimento de 500.000 euros por anualidade. Posteriormente, reclamou a garantía dunha partida anual de 50.000 euros para o mantemento e conservación das pallozas.
A representante socialista lembrou que a Xunta ten a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese en Galicia segundo a Lei de Patrimonio Cultural.
Porén, segundo denunciou, estes conxuntos patrimoniais só están recibindo axudas da administración provincial, mentres o goberno autonómico “prefire mirar cara a outro lado” ante os problemas de conservación. Actualmente, só se manteñen os muros das construcións, mentres que os tellados, orixinalmente de palla de centeo, foron substituídos por chapa.
Méndez destacou que O Piornedo foi declarado Ben de Interese Cultural nos anos 90, o que obriga á Xunta a asumir a súa conservación como recurso turístico e patrimonial de gran valor. Ademais, estas construcións foron declaradas conxunto histórico-artístico por decreto do 3 de xuño de 1931, unha protección ampliada en 1971 e 1972 coa declaración da Serra de Picos de Ancares como paisaxe pintoresca, incluíndo os poboados de Vilarello de Donís e O Piornedo.
A socialista fixo un chamamento a tomar medidas urxentes para protexer este patrimonio histórico, cultural e etnográfico, composto por un total de 85 pallozas e 60 hórreos, destacando especialmente as de O Piornedo, que alberga 14 pallozas e 11 hórreos. Subliñou que se trata dun conxunto único en Europa que “se está a perder por falta de mantemento”, e reiterou a necesidade de que a Xunta asuma a súa responsabilidade na súa conservación.