Lara Méndez renova a irmandade con Ferrol e destaca os proxectos transformadores das dúas cidades
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañou ao seu homólogo no Concello de Ferrol, Ángel Mato, e a unha representación das dúas corporacións municipais, nos actos oficiais con motivo do San Xiao, patrón da cidade departamental. Esta festividade serviu, un ano máis, para celebrar o irmandamento entre Lugo e Ferrol, ao tempo que a cidade anfitrioa entregou as distincións de Ferrolán do Ano e as Insignias de Ouro da Cidade, nun acto que tivo lugar no Teatro Jofre.
Neste senso, Lara Méndez, felicitou aos premiados deste ano nunha aposta pola ciencia, a educación, a inclusión, o deporte e a loita polos dereitos dos traballadores. “As cidades necesitan do impulso da súa veciñanza e dos seus colectivos, que hoxe Ferrol distingue un ano máis”.
Destacou tamén a amizade que une a ambos municipios desde hai máis dun século e os lazos de irmandamento das dúas cidades, lazos que este ano celebran o seu vinte tres aniversario.
A rexedora explicou que “Lugo e Ferrol estamos a traballar na transformación dos nosos municipios nuns anos complicados pola crise sanitaria e económica que atravesamos e afrontamos os concellos case en solitario, actuando no urxente, apoiando aos sectores máis vulnerables da sociedade, pero tamén impulsando o importante, os proxectos de crecemento a través de cambios sociais, urbanísticos e económicos, non sempre fáciles pero necesarios para que a cidadanía recupere o seu protagnismo activo, gañando espazos públicos máis sas e confortables”.
Neste senso, subliñou que “as grandes transformacións como as que estamos a levar a cabo, requiren tempo para consolidarse, pero son imparables. Veñen para quedarse porque melloran a calidade de vida”. Así puxo exemplos de proxectos que se están a levar a cabo en Lugo dende o pasado mandato coa sostibilidade como eixo central. “Son proxectos que implican un proceso de adaptación e cambio de hábitos e costumes, especialmente os relativos a un novo urbanismo, á mobilidade e á renaturalización, que xa están a obter o recoñecemento por parte da comunidade europea e están a inspirar a outras cidades de tamaño medio como as nosas”, afirmou Méndez.
Así mesmo, a rexedora engadiu que “a transformación das cidades debe abordarse tamén dende a perspectiva económica e, neste senso, Lugo e Ferrol xa están a traballar tamén na diversificación dos seus sectores produtivos como un aspecto clave de futuro”. Ao tempo que reivindicou unha mellora das comunicacións para Lugo e Ferrol, “á altura do resto das grandes urbes galegas”.
Finalmente, Méndez destacou a importancia de que tres das homenaxes fosen para “iniciativas e entidades que traballan pola plena inclusión e a eliminación de barreiras que dificultan o desenvolvemento das persoas con capacidades diferentes, un aspecto fundamental para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, en definitiva, un obxectivo máis que compartimos e que nos une a Lugo e Ferrol”.