A alcaldesa reunirase de novo cos veciños do centro para falar das zonas verdes

LugoXa
Lara Méndez manterá un novo encontro coa veciñanza do centro para concretar o deseño das zonas verdes de Santo Domingo
REUNION VECINOS CENTRO HISTORICO
14 Xul 2023

A rexedora convocará á Plataforma do barrio a próxima semana para continuar avanzando na configuración do novo espazo que se pretende naturalizar para gañar en confort e habitabilidade.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou hoxe a súa vontade de manter un novo encontro coa Plataforma Veciñal do barrio Centro para concretar o deseño das zonas verdes coas que contará a Praza de Santo Domingo trala súa rexeneración, que comezará proximamente.

Unha transformación que, segundo lembrou a rexedora, ten por vocación naturalizar este espazo, gañando así en confort e comodidade para as persoas en detrimento do urbanismo máis ‘duro’ de outrora e do tráfico rodado, de xeito que a actuación irá en consonancia co resto de traballos que se inclúen na iniciativa Corazón Verde para peonalizar a totalidade do recinto amurallado.

Méndez, que mantén un contacto directo e permanente co colectivo, convocará aos seus representantes a unha vindeira reunión a próxima semana co fin de darlle cabida na configuración desta contorna a todas aquelas propostas cidadás que sexan viables dentro do proxecto adxudicado.

“Santo Domingo é un punto de encontro para lucenses e visitantes e queremos que sexa tamén un lugar de estancia e non só de paso, ao igual que pretendemos conseguir coa reforma da Praza da Constitución, por iso trataremos de introducir, na medida que sexa posible, as consideracións que nos trasladen as persoas residentes neste punto da cidade así como o resto de asociacións ou entidades que queiran facer algunha achega”, sinalou a alcaldesa.

A mandataria lucense recordou que as obras previstas no Centro Histórico buscan diminuír o tránsito de vehículos en prol dunha maior conservación do patrimonio que se atopa entre murallas pero tamén pular por unha cidade máis sostible e máis saudable para a poboación. “De aí que o noso compromiso sexa buscar as fórmulas axeitadas que concilien a convivencia, no mesmo espazo público, dos diferentes usos que ten esta zona: residencial, turístico e comercial, sempre baixo a premisa de contribuír a preservar o medio ambiente e de crear enclaves para a socialización que sexan agradables, útiles e integradores”, engadiu.

Por outra banda, a rexedora anunciou tamén que nesta mesma xornada comezarán a substituírse os coñecidos como ‘ollos de gato’ instalados na rúa Nova por pintura reflectora, que exercerá, a partir de agora como elemento diferenciador dos distintos espazos reservados nesta vía para o tránsito de viandantes e vehículos.

Traballos que poderían verse condicionados en caso de choiva pero que se agarda queden rematados nestes días.

0.2108588218689