Lara Méndez trasladará á concesionaria da limpeza a necesidade de poñer fin á folga

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de convocar á concesionaria do servizo de limpeza dos edificios municipais a unha reunión, este próximo luns, para abordar a situación que está a xerar o conflito laboral que afecta, a nivel provincial, a este sector.
alcaldesa folga limpeza lugo
24 Nov 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de convocar á concesionaria do servizo de limpeza dos edificios municipais a unha reunión, este próximo luns, para abordar a situación que está a xerar o conflito laboral que afecta, a nivel provincial, a este sector.

“Levamos varias semanas xa nunha situación de folga que, estou segura, resulta indesexada por todas as partes. Un paro que, por unha banda está demostrando o esencial que resulta o labor que desempeña este colectivo pero que, precisamente, debido a isto, está tendo importantes consecuencias tremendamente perniciosas en ámbitos que toda a sociedade debéramos protexer como pode ser o educativo”, sinalou a rexedora.

“É por iso que, sen ter capacidade para poder intervir doutro xeito nesta problemática laboral, dende a Alcaldía de Lugo imos trasladarlle á empresa a urxente necesidade de que patronal e sindicatos se senten novamente a dialogar co compromiso de darlle saída á situación. Solidarizámonos e, así o dixemos xa en varias ocasións, coas reivindicacións das e dos traballadores, cuxas condicións salariais son as máis baixas de toda Galicia, polo que instamos a un achegamento das posturas que permita conciliar os intereses das dúas partes e rematar, alén, coa folga que se está deixando notar, especialmente, nos centros escolares da capital onde se concentra o groso das protestas do sector”, engadiu Lara Méndez.

A mandataria local solicita tamén á Xunta de Galicia, que, atendendo ás competencias que ostenta en materia de emprego e conciliación, faga o propio e presione na mesma dirección, porque “ás e os lucenses non podemos ser cidadanía de segunda, tanto no relativo á fenda salarial que denuncia o colectivo como tampouco no que afecta ás crianzas da cidade, que están a padecer dun xeito directo as consecuencias da folga, sendo as que menos o merecen”.

A este respecto, a alcaldesa indicou que “sen vulnerar os dereitos laborais do colectivo – como nunca foi a nosa intención - o Concello intensificará nos vindeiros días o control para que se cumpran os servizos mínimos estipulados nos centros municipais, tanto no que ten que ver co número de efectivos que realizan as tarefas de limpeza e aseo das instalacións como tamén na execución das mesmas, respectando o acordado no decreto que os regula”.

“Facemos, por tanto, un chamamento a todas as partes para que actúen con responsabilidade e alcancen o acordo, en beneficio de toda a sociedade”, concluíu a rexedora.

0.21684312820435