Laxosa acolle unha charla sobre alternativas forestais no Concello do Corgo

A Asociación de Veciños Laxosa Airamonte organiza este sábado día 24 unha charla informativa centrada nas alternativas forestais do Concello do Corgo, unha proposta que busca abrir un espazo de reflexión e análise arredor da xestión do territorio e dos modelos forestais sostibles. A actividade terá lugar ás 19:00 horas na antiga escola de nenos de Laxosa.
A conferencia será impartida por Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal do Campus Terra, unha figura de referencia no ámbito forestal e agrario, que achegará a súa visión e coñecementos sobre as posibilidades e retos que presenta o monte no municipio.
A entrada será libre ata completar aforo, polo que desde a organización animan á veciñanza interesada a asistir a esta cita, pensada tanto para persoas vinculadas ao sector forestal como para o público xeral interesado no futuro do territorio e do medio rural.