Leña Verde encárgase de novo de celebrar o Entroido en Pol
A asociación Leña Verde de Pol organizará a tradicional festa do Entroido para o martes 13 de febreiro. A xornada terá actividades para público infantil e adulto e comezará ás 16.30 horas coa apertura da inscrición para o desfile de disfraces, con categorías individual e de parellas no local social de Leña Verde.
Xa ás 17.00 horas dará comezo o desfile infantil/xuvenil, que non terá carácter competitivo, polo que se entregarán obsequios a todas as persoas participantes. A continuación, haberá unha actuación a cargo do Mago David Méndez.
Para o desfrute do público adulto farase a ruta ao son dos cantos de taberna, que levaraos ata os bares e tabernas de Mosteiro, Andión e Rioxoán co acompañamento dos grupos Leña Verde, Os D'aquí e Son Outeiro, que darán pé a cantar, bailar e participar da alegría que sempre levan consigo.
Comezará o percorrido ás 18.00 horas por Mesón Suso de Rioxoán e Casa Pepe de Andión e sobre as 19.00 continuarán polos establecementos de Mosteiro Lucas por o Canadá, Casa Cuadrado, Abuide e Agustín.