Lentes de simulación de drogas e circuítos de karts para previr o consumo en Lugo
A área de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, organiza nos meses de maio e xuño catro xornadas de convivencia para familias lucenses, co obxectivo de previr consumos e malos hábitos coas drogas, a condución e o móbil desde unha metodoloxía lúdica, a través de charlas con especialistas, acompañadas de actividades como xogos ao aire libre, circuítos de karts eléctricos, así como comida e bebida para todos os asistentes.
As xornadas, que terán lugar o 26 de maio, no parque da Milagrosa; o 2 de xuño, no parque a carón do Pazo de Feiras; o 23 de xuño, na praza do Castiñeiro; e o 30 de xuño, no merendeiro do paseo do Río Rato, en horario de 12:00 a 18:00 horas, estarán dirixidas a a familias lucenses con fillos/as; sobriños/as, primos/as ou netos entre os 10 e os 18 anos, empadroados en Lugo.
Neste senso, Bustos subliñou que “a prevención de drogodependencias e o fomento de bos hábitos da saúde son dúas labores que a sociedade temos o deber de potenciar”. Unha sociedade máis informada e mellor formada sobre as adiccións será “máis capaz de convivir nun mundo no que estas existen, reducindo o risco de establecer con elas relacións conflictivas”.
As xornadas incluirán actividades con lentes de simulación de drogas para coñecer os perigos reais, charlas impartidas por formadores especializados, e buscan, dunha maneira máis amena, facer chegar a información ás familias, xente nova, e todo aquel que desexe participar.
En total haberá 100 prazas dispoñibles en cada xornada. As inscricións abrirán mañá, mércores 1, ata o vindeiro 31 de maio, e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes. As persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico á dirección: cursonlugo@gmail.com especificando a data na que desexan apuntarse, os integrantes da familia –ata un máximo de 5–, e os datos persoais; ou ben chamar ao teléfono 982 297 837.