Lete destaca o labor pioneiro do Club Fluvial na historia do piragüismo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións do Club Fluvial de Lugo e mantivo unha xuntanza de traballo co seu presidente, Tito Valledor.
O mandatario galego destacou ao club de piragüismo lucense como un dos pioneiros en Galicia e en toda España, así como unha entidade que realiza un traballo fundamental para que Galicia siga colleitando numerosos éxitos nos deportes náuticos e, nomeadamente, no piragüismo que é a disciplina que máis deportistas e máis éxitos olímpicos ten dado a Galicia, como é o caso de Cristian Toro, campión olímpico en Río, ambos saído do Club Fluvial. Non obstante, o secretario xeral para o Deporte tamén destacou o alto nivel do club en natación, orientación ou tenis.
Lete Lasa, tamén destacou o bo estado de saúde do club, a tenor da reforma realizada en 2017 para a ampliación dos espazos destinados a vestiarios, cafetería-restaurante, piscina, spa e ximnasios. Unha renovación axeitada para o benestar dos preto de 17.000 socios cos que conta o Fluvial, que o converten nun dos clubs máis numerosos de Galicia.