Levan ao Tribunal Superior de Xustiza a demanda contra o Concello de Lugo por mal funcionamento da Casa da Muller
A irmá da muller asasinada polo seu esposo en Becerreá recorrerá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia despois de que un xulgado de Lugo rexeitara a demanda contra o Concello de Lugo por mal funcionamento da Casa da Muller. Para ela, dende o servizo cometeron “un erro de xestión no 2016 ao non atender adecuadamente a unha muller que implorou axuda a dito organismo e acabou sendo asasinada ás mans da súa parella”.
A denunciante asegura que durante o xuízo evidenciáronse “moitas contradicións”. Segundo expón, o director da Casa da Muller declarou que non falta persoal aínda que el cobre “dende hai 2 anos dita praza de psicólogo a tempo parcial”. Considera intolerable que este posto estea vacante, xa que é “imprescindible para a recuperación das vítimas, polo que é fundamental, que funcione a tempo completo”.
Ademais, sinala contradicións pois, no xuízo da Audiencia en 2019, unha traballara declara que había “pouco persoal por vacacións e baixas” e critica o trato que recibiu a súa irmá. “Desde logo, informar á miña irmá Ana de que acudise á traballadora social de Becerreá, que non ten formación especializada en violencia de xénero, non se pode considerar unha xestión urxente, pasando de largo o estudar o caso e considerando suficiente dicirlle que ela mesma se protexese sen analizar en ningún momento o relato da traballadora social de ALAR, que comunicou a gravidade do caso, insistindo en que Ana fora encañonada e ameazada de morte”.
Para a irmá da vítima a resolución evidencia “o desamparo, a non reparación e a perda de dereitos das vítimas” e supón “unha lousa máis para acceder a unha atención real e eficaz, unha evidencia de que a cobertura institucional se falla, é cómplice”. Esixe que se resolvan “as graves deficiencias que se seguen producindo oito anos despois” e continuará denunciando “os incumprimentos da Lei Galega de Violencia de Xénero, xa que entendemos esta sentenza como un retroceso nos dereitos das vítimas”. A denunciante pensa que “se non se ven nin recoñecen os fallos e deficiencias ante algo tan grave e evidente, nunca se contribuirá a aportar solucións e xustiza”, polo que vai interpoñer o recurso no Tribunal Superior de Xustiza.