Licitadas as accións para preservar o templo de Santa Eulalia de Bóveda
No día de onte licitouse a redacción do Plan Director do templo de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo, un documento que sentará as bases das actuacións necesarias para avanzar na preservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural que xestiona directamente a Xunta.
O templo cumpre o 90 aniversario da súa declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional xunto con outros nove bens patrimoniais senlleiros da provincia.
O contrato sae a licitación por un importe de 122.400 euros e un prazo de execución de 24 meses. Así pois, apuntouse que o obxecto é “establecer o estado de conservación actual” para “definir as liñas de actuación de cara ao futuro”, así como as “propostas para o desenvolvemento sustentable deste ben a través dunha xestión axeitada”.
Lembráronse sucesivas actuacións de preservación e promoción do monumento e agora iníciase a tramitación para contratar este Plan Director, que terá “un proceso de elaboración complexo porque será un documento amplo que permitirá afondar no seu coñecemento e guiará as súas necesidades e condicións de mantemento nos vindeiros anos”, incluído o xeito de abordar o seu uso cultural dunha forma “racional e sostible”.
Vídeo divulgativo e balance de investimentos
O templo de Santa Eulalia de Bóveda foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1931 xunto con outras tres construcións da capital lucense – a Catedral, as Termas romanas e o convento de San Francisco (actual igrexa de San Pedro) – ; a basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz), o mosteiro de Santa María de Meira, a igrexa de San Nicolás ou San Xoán (Portomarín), as de Santo Estevo de Ribas do Miño e San Paio de Diomondi (O Saviñao) e a de San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei).
Así pois, convídase á xente a visitar estes símbolos do patrimonio cultural e artístico de Lugo. Búscase, da mesma forma, seguir traballando na súa perservación e no impulso de monumentos deste tipo.
Dende o goberno galego nomearon as obras que están actualmente en marcha, como os traballos de posta a punto das igrexas de San Francisco de Lugo, cun orzamento superior aos 750.000 euros; e Santo Estevo de Ribas de Miño, un dos bens máis emblemáticos da Ribeira Sacra, no que o Goberno galego está a investir preto de 350.000 euros. Tamén se traballou nos últimos meses na restauración da igrexa de San Nicolás de Portomarín, unha das máis recoñecidas do Camiño Francés, á que se destinaron 250.000 euros..
Por último, destacouse a restauración das pinturas murais da igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas; actuar na cuberta e a fachada da igrexa de San Paio de Diomondi; avanzar na rehabilitación da Casa Reitoral e o proxecto museográfico do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo ou restaurar o retablo da lactación ou de San Bernardo da igrexa do mosteiro de Santa María de Meira, entre outras actuacións.